Cangas abre os actos da Semana Santa
A Semana Santa de Cangas, de interese turístico e única en Galicia polas súas tallas articuladas, inicia os seus pasos este sábado coa lectura do pregón, a cargo de Jesús Graña, ex-xerente da Universidade de Vigo e membro do Consello Social da institución académica. O acto comeza tras a misa solemne na ex-colexiata da localidade, ás sete e media da tarde, xunto co concerto de marchas procesionais das confrarías e irmandades (Cristo da Misericordia, Dores e Soidade, Cristo do Consolo e Agrupación San Pedro).
A programación continúa, o día 29 deste mes, co traslado da imaxe da Virxe das Dores á ex-colexiata, na que permanecerá ata o final da Semana Santa. A partir do domingo 9 de abril, coa Borriquiña, inícianse as procesións, que terán o seu momento álxido o Venres Santo, cando se celebran ata catro marchas: a da Negación de San Pedro, ás 7:00 horas; o Santo Encontro, ás 10:30 horas; o Santo Enterro, ás 20: 00 horas; e a do Silencio, a media noite.
A Semana Santa de Cangas atrae milleiros de visitantes e é unha das máis espectaculares de Galicia, á altura da de Viveiro ou Ferrol. Por outra banda, Pontevedra iniciou onte tamén os actos coa lectura do pregón a cargo do avogado e poeta José Ramón Dolarea, no Teatro Principal.