Carmela Silva resalta o traballo das bolseiras chinesas que participaron en Turismo Rías Baixas por "servir de ponte cultural e de formación"
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, resaltou esta mañá "o pracer que supuxo ter colaborado co Plan China da Escola de Negocios Afundación". Ao abeiro deste plan, Turismo Rías Baixas recibiu dúas bolseiras chinesas, Flor e Beatriz, que fixeron prácticas durante 21 días a través dun plan de traballo e de asesoramento personalizados ao considerar que a apertura ao mercado chinés, a promoción e comercialización no "xigante asiático", é unha das necesidades do destino Rías Baixas.
Carmela Silva realizou esta mañá un vídeo no que puxo en valor esta primeira colaboración co Diploma Avanzado en Relacións Internacionais DARI-BISU, da Escola de Negocios Afundación, no que está a participar alumnado procedente dun mercado emerxente coma o de China e cuxa clausura terá lugar en Pontevedra o vindeiro 30 de setembro. A presidenta asegurou que "Turismo Rías Baixas sempre ten as súas portas abertas a todos aqueles e aquelas que desexen realizar prácticas nunha entidade de promoción dun destino turístico e experimentar de primeira man o traballo diario dun ente destas características". O vídeo será difundido por Afundación a través das súas redes sociais e proxectado nas presentacións deste programa formativo.
A presidenta lembrou que estas prácticas non soamente resultan beneficiosas en termos de previsións turísticas e impacto económico, senón que "poñen de relevo a importancia da multiculturalidade da provincia de Pontevedra" e tamén da "interculturalidade, xa que nos atopamos nunha sociedade global que, malia respectar as súas tradicións e peculiaridades, se ten que nutrir de todo o que nos poidan achegar dende outros pobos, para así converter Pontevedra na provincia moderna e respectuosa coa pluralidade que esta institución provincial desexa amosar como un dos seus puntos máis fortes".
Durante o plan de traballo desenvolvido para as dúas bolseiras (que elas mesmas puideron modificar para axustalo ás súas necesidades formativas), estas fixeron un importante labor de tradución ao idioma chinés do material promocional que consideraron de maior repercusión no mercado da China. Os escollidos foron o castelo de Soutomaior, o mosteiro da Armenteira, os rueiros de Pontevedra e de Vigo e os temas relacionados coa gastronomía. Tamén traduciron ao seu idioma experiencias dispoñibles na páxina web coma "Actívate en Rías Baixas", "O cocido de Lalín", "Mergúllate nos bosques de interior" ou "As praias de Rías Baixas", entre outras.
Flor e Beatriz tamén deixaron material moi interesante, enfocado ao márketing, á comunicación, publicidade e comercialización, baseado no mercado chinés, así como unha guía para mellorar a atención ao público do país asiático atendendo a aspectos coma a maneira de tratar as e os turistas cando se achegan a unha oficina de Turismo Rías Baixas, cando envían un correo electrónico preguntando polo destino, ou a forma de tratar nunha reunión de presentación do destino as e os operadores turísticos, axentes de viaxe, xornalistas, medios de comunicación e influencers.
Ademais do seu traballo, as dúas bolseiras puideron gozar dunha visita ao pazo de Rubianes para coñecer o produto dos seus xardíns, as súas camelias e bodegas, e dunha visita guiada pola cidade histórica de Pontevedra a cargo de guías profesionais.