Cartel de altura na Festa do Albariño: de The Waterboys a Heredeiros da Crus
A Cidade Europea do Viño 2017 ten xa a punto a banda sonora para celebrar ao grande a Festa do Albariño, que atrae a Cambados a unhas 250.000 persoas e que este ano é aínda máis especial pola capitalidade vitivinícola da localidade do Salnés. O cartel musical combina artistas galegos, nacionais e internacionais na praza de Fefiñáns, cun peche no que Heredeiros da Crus conmemorará o 25 aniversario do seu primeiro disco, A cuadrilla de Pepa a Loba.
A Festa do Albariño celébrase entre o 2 e o 6 de agosto pero Xosé Manuel Budiño e Mercedes Peón darán o pistoletazo de saída a véspera da estrea oficial. O concerto de ambos os músicos o día 1 conmemorará o 20.º aniversario da publicación de Paralaia, o primeiro traballo do gaiteiro de Moaña e un dos discos de referencia do folk galego.
O evento atrae a unhas 250.000 persoas nas súas cinco xornadas, e este ano ten o aliciente de que Cambados é Cidade Europea do Viño
O programa continuará co jazz, flamenco e xota de Carmen París a noite do mércores, mentres que o xoves subirase ao escenario a orquestra de música folk Son de Seu. A xornada seguinte será a quenda de The Waterboys, a banda liderada por Mike Scott que alterna no seu ecléctico repertorio o folk celta, góspel, country e rock. Best Boy actuará a continuación, tamén na praza de Fefiñáns.
Os míticos Heredeiros da Crus porán a guinda ao pastel o sábado cun repaso aos grandes éxitos da súa longa carreira. O domingo será o día grande da Festa do Albariño. Un aluvión de fieis ao evento acudirán á Cidade Europea do Viño para degustar os caldos das Rías Baixas. Alí actuará a Banda de Música de Castrelo.