O Belén familiar de Cangas incorpora choiva aos seus automatismos
Francisco Martínez Prieto, veciño do barrio de Berbetaña, no casco antigo de Cangas, pertence á segunda xeración da súa familia que continúa a tradición de elaborar cada ano un gran belén artesanal. Martínez Prieto retomou o costume do seu pai, que empezou en 1951 con esta tradición. Dos 2 metros cadrados de entón, a representación do Nadal pasou a ocupar case 25 metros na actualidade e conta cunhas 250 figuras de terracota.
Coñecido popularmente como o "Belén de Francisco Martínez", trátase dunha montaxe que se renova cada Nadal e que vai sumando novos automatismos. Así por exemplo, conta con ríos con auga, noras en movemento e distintos efectos que simulan o ciclo do día e a noite, como a luz das estrelas e a lúa e sons de animais. Como novidade, este ano incorpora choiva con auga real e unha cova de 15 metros cadrados.
O belén recibiu o ano pasado a visita de 2.500 persoas, segundo infórmanos o seu orgulloso autor. E gusta especialmente ás nenas e aos nenos.
Horarios
O belén de Cangas pódese visitar na rúa Berbetaña, núm. 3, baixo, do 20 de decembro de 2017 ao 7 de xaneiro de 2018, en horario de 17 a 20 horas, todos os días da semana. A visita é gratuíta.