O Camiño de Santiago nas Rías Baixas terá wifi gratuíto
Esta iniciativa está impulsada pola Deputación de Pontevedra e consiste en dotar de wifi gratuíto a todos os concellos da provincia polos que pasa o Camiño de Santiago.
A proposta leva o nome de "Proxecto wifi" e é unha maneira de apoiar os pequenos concellos que por si sós non poden solicitar recursos a proxectos europeos. De forma conxunta, a Deputación logrou enmarcar a iniciativa baixo o paraugas da Unión Europea co obxectivo de facer chegar internet gratis a todas as peregrinas e peregrinos e aos habitantes destas vilas, pero tamén como unha forma de fomentar a "mellora de acceso ás TIC no Camiño", así como servir para "prestar mellores servizos". De feito, "a subvención cobre o 100 % dos custos de execución e os concellos só terán que asumir durante tres anos os custos do servizo da compañía que contraten".
O plan, que na presentación foi catalogado como "novo e imprescindible", aplicarase nos espazos públicos e, por agora, xa conta coa incorporación dos municipios de Caldas de Reis, Barro, Mos, Silleda, Rodeiro e Baiona.
O proxecto xa conta coa incorporación dos municipios de Caldas de Reis, Barro, Mos, Silleda, Rodeiro e Baiona
Unha aposta "pola innovación" que se suma aos avances da pasada Fairway (Feira do Camiño), que se realizou do 12 ao 14 de novembro en Santiago de Compostela para todas as institucións públicas e privadas interesadas en expoñer os seus proxectos, tanto a outras empresas do sector, como á prensa especializada e ás institucións.
A Deputación de Pontevedra participou e presentou os seis Camiños que discorren polas Rías Baixas (O Camiño Portugués, o Camiño Portugués pola Costa, a Vía da Prata, o Camiño de Inverno, a Ruta do Mar de Arousa e o Río Ulla e a Ruta do Padre Sarmiento). Nesa mesma feira participaron 30 empresas co apoio da institución provincial, das que 12 conseguiron pechar acordos comerciais. Ademais, establecéronse contactos con operadores turísticos de 30 países como Italia, Xapón, EE.UU., Canadá, Portugal e Arxentina.
O proxecto chega nun ano cun balance moi positivo, no que as boas noticias sobre o Camiño son xa habituais. Por exemplo, algunhas das novidades que se publicaron nos últimos meses son o aumento da peregrinación no Camiño Portugués, ou a elección de Tui como segundo punto de saída.