O centro histórico de Vigo e o pazo de Castrelos, a fondo en dúas rutas gratuítas
O centro histórico de raíces mariñeiras; o Ensanche cos seus nobres edificios de distintos estilos arquitectónicos construídos desde finais do século XIX; e o pazo de Castrelos, cos seus belos xardíns, son tres visitas imprescindibles en Vigo. A Asociación Profesional de Guías de Turismo de Galicia (APIT-Galicia) organiza dúas rutas gratuítas para coñecelos a fondo o próximo 21 de febreiro con motivo da celebración do Día Internacional do Guía de Turismo.
O percorrido polo pazo Museo Quiñones de León, no parque de Castrelos , arrincará ás once e media da mañá e o punto de encontro será a entrada do inmoble, doado á cidade polo marqués de Valladares en 1924 e que garda importantes coleccións de arte, arqueoloxía e historia.
A visita ao casco antigo e o Ensanche terá lugar pola tarde, a partir das cinco, e o punto de encontro será a escultura do Bañista, á beira da estación de Ría. As persoas participantes poderán coñecer a esencia do Vigo mariñeiro, os principais edificios, rúas e monumentos do barrio vello, e os grandes inmobles do Ensanche, con expoñentes de escolas como o eclecticismo, modernismo, rexionalismo ou racionalismo, entre outras.
O pazo garda interesantes coleccións de arte, arqueoloxía e historia, e os seus belos xardíns formarán parte do percorrido
As persoas interesadas en realizar as visitas non terán que facer reserva previa se acoden a título individual, e sairán en grupos acompañadas de guías especialistas. Para os colectivos e asociacións é preciso poñerse en contacto coa persoa responsable da visita no teléfono 610 750 823.
Ao finalizar o percorrido solicitarase un donativo integramente destinado a entidades sen ánimo de lucro en recoñecemento ao importante labor que desenvolven.
Turismo de calidade e sostible
O Día Internacional do Guía de Turismo conmemora a data de fundación da Federación Mundial de Asociacións de Guías de Turismo (WFTGA) creada en 1985, e pretende por unha banda lembrar o labor que desempeñan as persoas Guías de Turismo como parte fundamental do sector e por outro potenciar e dignificar o recoñecemento que merece esta profesión.
Co slogan "Por un turismo de calidade, accesible e sostible, confía en Guías Oficiais", APIT-Galicia busca poñer en valor a figura das persoas guías como embaixadoras e representantes da súa zona; promover unha maior conciencia da riqueza do patrimonio; e sensibilizar sobre a necesidade de viaxar e gozar de momentos de lecer sen barreiras que impidan o seu goce.