O evento musical de Cambados pola Cidade Europea do Viño pechará en setembro os Festivais Rías Baixas
Cambados porá a guinda no verán aos Festivais Rías Baixas. O evento musical que patrocina a Deputación de Pontevedra con motivo da distinción da localidade como Cidade Europea do Viño 2017 celebrarase en setembro, como broche ás citas de Atlantic Fest (A Illa de Arousa ), Cultura Quente, PortAmérica (ambos en Caldas de Reis ), Sinsal (San Simón), SonRías Baixas (Bueu), O Marisquiño (Vigo) e Revenidas (Vilaxoán).
O festival de Cambados será o evento estrela das actividades de apoio da Deputación a Cambados pola súa capitalidade vitivinícola, fixadas no convenio que asinaron onte a presidenta da institución provincial, Carmela Silva, e a alcaldesa da vila do Salnés, Fátima Abal. A achega será de 70.000 euros e o programa inclúe iniciativas en distintos ámbitos, desde a promoción turística ata o deporte, a igualdade, o patrimonio e a cultura do viño.
A Escola María Vinyals, no Castelo de Soutomaior, organizará unhas xornadas con conferencias sobre o papel da muller no sector vitivinícola. A cita contará coa presenza de produtoras e representantes do catro denominacións de orixe galegas (Rías Baixas , Ribeira Sacra, Valdeorras e Ribeiro), e inclúe unha visita a unha adega da zona, ademais dun acto no que participarán catadores, enólogas e xestoras de adegas. No apartado de igualdade tamén se celebrará o "Foro Voz: Muller e Viño", no Auditorio da Xuventude de Cambados.
No mesmo campo vinculado ao deporte disputarase en maio na localidade a final da Copa Deputación de fútbol feminino, outorgándose as gañadoras o trofeo "Cambados, Cidade Europea do Viño pola Igualdade".
Viñedos e patrimonio
As "Depo Andainas" da institución provincial farán parada en Cambados cunha ruta específica entre viñedos para persoas con mobilidade reducida. Ademais, o programa "En ruta coa Depo" inclúe unha ruta específica pola vila do Salnés na que os participantes visitarán o Museo Etnográfico e do Viño, as ruínas de Santa Mariña Dozo, o conxunto histórico de Cambados e a adega Pazo de Fefiñáns , ademais do Museo do Muíño de Mareas da Seca.
O paseo marítimo acollerá, por outra banda, unha exposición dos traballos realizados pola Escola de Cantería da Deputación. A mostra inaugurarase o Día das Letras Galegas e prolongarase por un mes.