O "Vespalacón" e o "enterro" do chapante, na festa do lacón con grelos de Cuntis
Declarada festa de interese turístico de Galicia, a Festa do Lacón con Grelos alcanza en só uns días a súa vixésimo edición. Faio cun amplo menú lúdico que integra gastronomía pero tamén actuacións musicais, postos de artesanía, exposicións de camelia ou encontros vinculados ao mundo do motor. Máis dunha ducia de actividades esperan na vila termal.
O día grande da cita culinaria arrincará, ás 11.30 horas, coa actuación da Agrupación Municipal de Música e Baile Tradicional de Cuntis. Ao mesmo tempo, quedará aberto a disposición do público un mercado de creacións artesás e produtos agroalimentarios. Media hora despois, a actriz e humorista Bea Campos lerá o pregón dunha festividade que permitirá contemplar un total de seis exposicións. Destaca, por exemplo, a undécima mostra "A Camelia non lacón con grelos", certame enmarcado no calendario impulsado pola Sociedade Española da Camelia e no que colabora a Deputación de Pontevedra. Con máis de cen metros de recinto, ademais desta exposición danse cita no municipio pontevedrés outras mostras temáticas relativas a bonsáis, aparellos de labranza, a propia historia da festa gastronómica, a cerámica de Castrolandín ou a arte de elaboración de encaixe por parte das palilleiras.
Degustación popular
Así mesmo, un ano máis, os afeccionados ás vespas daranse cita no Vespalacón, con saída ás 12.30 horas da Praza de Galicia. Media hora despois, esta mesma localización acollerá unha exhibición de CrossFit Old Metal. Desde Valdeorras, chegará a representación de Entroido tradicional Folión: Os Viticultores de Vilamartín. Xa ás 14.00 horas, comezará a comida popular de exaltación dun dos pratos máis tradicionais da zona, o lacón con grelos.
Distintos talleres e xogos infantís abrirán a tarde, na que están previstas as actuacións do grupo Caxade e da Banda Xuvenil de Cuntis "Favoritos de Broadway" coa soprano Mariña Penas Chaves. O tradicional velorio e enterro do chapante será o colofón a toda unha xornada de animación turística.
Consulta aquí o programa da festa do lacón con grelos.