Pontus Lupulus reúne a mellor cervexa artesá local
Pontus Lupulus celebra a súa terceira edición coa participación dunha decena de produtores galegos, que darán a coñecer máis de 40 variedades de cervexas artesás producidas en Galicia. As exposicións e degustacións de cervexa irán acompañadas de música en vivo, obradoiros, actividades infantís, mercado de artesanía e postos de comida, que farán da feira unha cita de interese para todos os públicos.
As casetas estarán instaladas na Praza de España, do 6 ao 8 de outubro. A programación de concertos inclúe as actuacións de Oh Ayatollah, Flip Corale e Los Macabros, The Trunks, Gold & Colt, Hillbilly Guly e Aligator turi e Igloo. Ademais, o sábado pola mañá celebrarase o obradoiro de creatividade infantil "Peixiños de cartón, historias a mogollón". Pode consultarse a programación completa aquí.
Esta non é a única feira de cervexa artesá que se celebra nas Rías Baixas. De feito, a elaboración artesanal de cervexa vive un auxe e conta cun público crecente, que pode coñecer as últimas novidades nas numerosas feiras que se celebran ao longo do ano. En xullo celebrouse un evento similar en Gondomar; en agosto, Cangas acolleu a terceira edición do seu festival de cervexa artesá; e en setembro, foi a quenda de Vigo.