Turismo Rías Baixas achega os atractivos dos 15 municipios polos que discorre o Camiño pola Costa ante o público profesional e particular
O Camiño pola Costa é o fío condutor que presenta, na actual edición de FITUR, os atractivos turísticos dun total de 15 municipios pontevedreses polos que transcorre esta ruta, oficializada no último ano. Deputación de Pontevedra e Turismo Rías Baixas dan a coñecer recursos naturais, históricos, enoturísticos, termais, arqueolóxicos e mariñeiros repartidos polos concellos da Guarda, O Rosal, Oia, Baiona, Nigrán, Vigo, Redondela, Soutomaior, Vilaboa, Pontevedra, Barro, Portas, Caldas, Valga e Pontecesures. Expóñense todos eles na trixésimo sétima edición do certame ante o público profesional e particular.
Estes recursos destacáronse no exitoso acto de presentación de Turismo Rías Baixas en FITUR, no que se deu a coñecer un innovador caderno centrado no Camiño pola Costa, que poderá recollerse nas oficinas de Turismo Rías Baixas, nos 15 municipios mencionados e nos albergues. A publicación incorpora un novo formato de visualización de contido en 3D mediante a aplicación móbil Rías Baixas RA. Entre os momentos máis esperados do acto destacou a interpretación do tema musical Un lugar no mundo, composto para a ocasión polo músico Teo Cardalda.
Entre as contornas naturais, o Camiño Portugués pola Costa permite contemplar unha enorme variedade de aves. Destacan as illas Cíes como un paraíso para a conservación de múltiples especies, moitas delas peregrinas. Co Atlántico como elemento diferenciador desta ruta respecto dos demais itinerarios que teñen Santiago de Compostela como cidade de destino, o turismo mariñeiro da provincia mostra as redeiras practicando un oficio tradicional que sempre chama a atención do visitante.
Xunto ao mar, esta ruta xacobea convértese en nexo de unión de arquitectura e historia, pois desde A Guarda a Pontecesures o camiñante atopa conxuntos coma o de Baiona e o maxestoso centro histórico de Pontevedra, con proxección internacional. No seu paseo pola historia, o Camiño pola Costa é tamén unha viaxe polo pasado das propias Rías Baixas: Santa Trega destaca como o xacemento arqueolóxico máis visitado de Galicia, coas súas panorámicas sobre o río Miño e o Atlántico.
E en ruta cara á capital compostelá, o peregrino ten no municipio de Caldas de Reis un lugar perfecto para o descanso. O Camiño bordea a fonte da Burga e discorre pola contorna dos balnearios Acuña e Dávila. Pecha con broche de ouro a proposta de Turismo Rías Baixas unha aproximación ao enoturismo como outro dos grandes atractivos do Camiño Portugués pola Costa. Na cultura do viño, a zona do Rosal móstrase como un territorio cun excelente microclima para o cultivo da uva, coa Denominación de Orixe Rías Baixas.