PortAmérica: un "show" musical e gastronómico de luxo
PortAmérica botou a casa pola xanela no cartel da súa próxima edición e converterá a carballeira de Caldas de Reis nun auténtico monumento á música e a boa cociña. Os días 13, 14 e 15 de xullo pasarán polo festival 32 artistas e bandas de dez nacionalidades, –entre eles Leiva, Xoel López, Quique González, Porter, Asian Dub Foundation, Iván Ferreiro, Niños Mutantes e Nikki Hill–, e ata 30 chefs comandados por Pepe Solla no escenario ShowRocking, ademais de novas promesas da gastronomía galega.
Aquí tedes o cartel con todos os nomes que pasarán por esta nova edición e as datas dos concertos de PortAmérica, que promove Esmerarte e apoia a Deputación de Pontevedra. A organización anunciou onte a incorporación de Quique González, Say my name, Fizzy soup e Ilmo. Sr. Fiuza DJ para completar o menú musical.
Entre os chefs hai representación de Galicia, Madrid, Valencia, Mallorca e México D. F., e suman ata dez estrelas Michelín, con nomes tan coñecidos como o propio Solla, Javier Olleros, Diego Guerrero, Yayo Daporta ou Maca de Castro. Os seus petiscos estarán creados especificamente para o festival e darase presenza aos novos valores que promoven e difunden a tradición culinaria das Rías Baixas e Galicia. Estudantes das escolas de hostalería galega colaborarán tamén no ShowRocking, que contará con actuacións sorpresa e unhas xornadas de reflexión sobre a evolución da gastronomía.
Haberá actuacións sorpresa no ShowRocking, no que participarán nomes tan coñecidos como Pepe Solla, Javier Olleros, Diego Guerrero e Yayo Daporta
A zona de acampada estará aberta desde o mércores 12 de xullo ao cinco da tarde ata o domingo 16 ás doce do mediodía. Na área solidaria as persoas asistentes poderanse instalar por só 3 € coas súas tendas, furgonetas ou caravanas nun espazo acondicionado para a ocasión. A recadación doarase integramente ao Comité español de ACNUR.
Autobuses
A organización porá a disposición do público autobuses gratuítos con percorridos de ida e volta en diferentes horarios desde numerosos puntos de Galicia: Vigo, Pontevedra, A Coruña, Santiago de Compostela, Noia, Ribeira, Catoira, Vilagarcía de Arousa , Lalín, A Estrada, Sanxenxo, Portonovo, Cambados, Bueu e Cangas.
Vangarda e compromiso social
O festival, que se celebra no marco de Cultura Quente e dentro do circuíto de 8+1 Festivais Rías Baixas, foi presentado en Vigo e durante o acto a presidenta da Deputación, Carmela Silva, destacou a "vangarda e compromiso social de PortAmérica e Cultura Quente, que achegan cultura, música, talento e creatividade para facer das Rías Baixas un referente".