Primeira xornada sobre Rías Baixas coma as Kassitérides fenicias
A Deputación de Pontevedra acolleu o 24 de abril a primeira das xornadas vinculadas ao programa Ruta dos Fenicios. Trátase dun dos actos previos que realiza a institución provincial antes de acoller en novembro a Asemblea Estatal deste itinerario cultural.
A Ruta dos Fenicios é un proxecto que forma parte das Rutas Culturais que promove a Unión Europea e nas que están incluídos outros itinerarios coma o Camiño de Santiago. Desde 2017 a Deputación forma parte deste proxecto, que suma xa 80 cidades de tres continentes e 18 países, desde Italia ata Turquía, pasando por Líbano e Croacia.
A inclusión de Rías Baixas convértenas no primeiro destino da costa atlántica que se suma ao itinerario cultural. En concreto, barállase a posibilidade de que Rías Baixas ou mesmo a costa galega fose a mencionada Kassitérides, á que viaxaban os fenicios e que ben rexistraron os vellos historiadores.
Desta maneira, o relatorio desenvolvido na pasada xornada tiña por título "Rías Baixas na Ruta das Kassitérides, mito ou realidade?". O obxectivo era poñer sobre a mesa as probas existentes e debater sobre as posibilidades de que a costa galega fose ese incógnito territorio.
Rías Baixas é o primeiro destino da costa atlántica que se suma á Ruta dos Fenicios
Na sesión participaron o arqueólogo Rafael María Rodríguez, o catedrático de Prehistoria pola Universidade de Xaén, Arturo Ruiz Rodríguez, e o coordinador da Ruta dos Fenicios en España, Manuel Peregrina Palomares.
Entre a información ofrecida na charla destacouse que aínda non existen probas definitivas pero si bos indicios. Proba diso son os numerosos achados arqueolóxicos ligados á cultura fenicia e púnica atopados en diferentes puntos da provincia coma o Monte do Castro, en Ribadumia; A Lanzada, en Sanxenxo; Castro do Facho, en Cangas; ou Punta do Muíño do Vento, en Vigo.
De feito, a cantidade de restos arqueolóxicos achados supera considerablemente aos localizados nas illas británicas, que é outro dos lugares que os historiadores barallan como posibles Kassitérides.
De confirmarse nun futuro esta teoría, Galicia non só formaría parte historicamente desta ruta cultural, senón que estaría directamente vinculada a unha das grandes civilizacións do Mediterráneo.