Sonwall, a música experimental chega a Vilagarcía de Arousa
O amor pola música foi a orixe deste novo proxecto, SONwall, que agora en 2018 celebra nada menos que o seu primeiro aniversario. Para iso, elixiron a vila de Vilagarcía de Arousa, que acollerá o festival os días 30 e 31 de marzo.
O proxecto foi lanzado polos arousáns Sara Padín do Grove e Borja Franco de Vilagarcía de Arousa, e como indicaron, buscan compartir a música que máis lles gusta co resto do mundo.
Grazas a iso dinamizarán esas dúas noites, que coinciden coa Semana Santa de 2018, en varios locais da vila costeira e rúas contiguas. É o caso do local Rock Bar Miúdo, que recibirá actuacións o venres 30, mentres que o sábado a festa comezará ao aire libre na rúa Romeu Ortiz durante todo o día, ata trasladarse ao Pub A Musaraña. Unha vez aí, continuarán os concertos e en palabras da organización, "algunha que outra sorpresa".
Entre as persoas artistas invitadas, anunciaron tres actuacións destacables, todas elas dentro do marco de música experimental.
A música electrónica de BlancoPalamera, formado polo dúo compostelán Manu Branco e Xoán Domínguez.
Tamén destaca a presenza de Marem Ladson, artista de orixe galega e estadounidense, que con só unha canción publicada centrou as miradas de parte da crítica musical. As persoas asistentes a SONwall terán a oportunidade de escoitar parte do repertorio que Ladson lanzará no seu próximo álbum o mesmo mes de abril.
Travesti Afgano, pola súa banda, destaca pola espontaneidade dos seus eventos, combinando a actuación con intervencións co público. No festival aproveitará para presentar o seu segundo álbum, Nos vale madre
Co obxectivo principal de compartir a boa música, a entrada ao mesmo será de carácter gratuíto, aínda que tamén dispoñerán de abonos colaborativos de 10 € que servirá para custear o evento. O abono valerá de tícket para obter bebida no festival.
Que ver no Salnés?
Achegarse a Vilagarcía de Arousa é unha boa opción para coñecer parte do Salnés, algunhas suxestións sería visitar a Illa de Cortegada , castro Alobre e o petróglifo Os Ballotes para quen lle guste a arqueoloxía, subir ao miradoiro de monte Lobeira, ou mesmo dar unha volta pola Illa de Arousa .