Tres días de cinema submarino en Vigo
Unha nova sesión de cinema terá lugar na cidade de Vigo do 22 ao 24 de novembro. Neste caso de cinema documental e englobado na Semana de Cinema Submarino que alcanza nada menos que a súa edición número XXVII.
En total proxectaranse seis películas entre o mércores 22 e o venres 24 no Teatro Afundación de García Barbón a partir das 20 horas da tarde. Como atractivo, destaca que catro dos traballos que se van a presentar foi realizados por National Geographic, mentres que os outros dous son producións completamente galegas.
As sesións contan cunha charla coloquio que terá lugar despois de cada proxección e na que participarán diferentes persoas afíns e especialistas nos diversos temas que se tratarán. O mércores contarán coa presenza de Fran Ramil, doutor en Bioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela e profesor titular de Zooloxía da Universidade de Vigo. O xoves será o especializado en fitoplancto Francisco Rodríguez Hernández, e o venres, o biólogo Miquel Planas.
O primeiro día poderase ver El hombre y la naturaleza: Océanos, de Mathew Dyas, e a La vida secreta de las perlas de Nick Robinson, centrada nas perlas do país australiano. O xoves é a quenda de Siluros: los tiburones de río, de Bertrand Loyer sobre este peixe considerado o máis grande de Europa en auga doce e que se trata dunha especie invasora en España. Posteriormente proxectarase a galega Mareas vermellas, de Manuel E. Garci e Jorge H. Urcera sobre as mareas vermellas e producido pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) e o Centro Superior de Investigación Científica (CSIC).
O venres finaliza a semana do cinema co El arrecife secreto de Cuba, de John Boyle, e a tamén produción galega de SyngDoc: o descoñecido mundo dos signáticos de Pablo Garrido Villaverde, dedicado aos cabaliños de mar.
As sesións son completamente gratuítas. Ademais, realizaranse proxeccións para colexios xa concertadas durante eses días pola mañá polas que pasarán máis de mil escolares.
A semana de cinema foi e segue sendo organizada pola Extensión Universitaria da Universidade de Vigo e actualmente conta co patrocinio de Afundación.