Unha ponte de récord en Rías Baixas
As estimacións medias provinciais, que manteñen a tendencia alcista rexistrada ao longo de todo este ano 2017, supoñen ata 24 puntos por riba do estimado na mesma ponte do 2016, cando se agardaba un 40 % de ocupación.
Turismo Rías Baixas estima que a ocupación máis alta espérase na comarca de Caldas, cun 98 % de ocupación hoteleira. Seguen a Caldas, O Condado e A Paradanta co 85 % de ocupación e O Salnés co 81 % previsto. Para a comarca de Pontevedra, o organismo turístico da Deputación de Pontevedra espera unha ocupación do 70 % e para as comarcas do Morrazo así como Vigo superior ao 52 %. Pola súa banda, as estimacións para O Baixo Miño se sitúan no 45 % e no 35 % para as comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes.
En canto ao turismo rural, Turismo Rías Baixas estima que a ocupación media para a provincia de Pontevedra será superior ao 32 %, é dicir, case 20 puntos por riba do estimado na mesma ponte do 2016 para este tipo de establecementos.
De confirmarse estes resultados previstos polo organismo da Deputación de Pontevedra, o 2017 se situaría como o mellor ano turístico da última década.
De feito, o pasado verán foi cualificado pola presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, como "espectacular, o mellor desde que temos rexistros" ao superar o 83 % da ocupación media na provincia de Pontevedra, é dicir, ata cinco puntos por riba do verán do 2016.