Serra do Candán: o segredo mellor gardado

Descubre fermosas fragas autóctonas, pradeiras, unha rica fauna e antigas aldeas nesta cadea montañosa do interior da provincia de Pontevedra

Queres ascender a mil metros de altitude e sentir como o aire te eleva? Telo ao teu alcance na serra do Candán, entre Lalín, Silleda e Forcarei. Trátase dunha das cadeas de montañas máis extensas da provincia de Pontevedra e goza dunha forte singularidade. Aquí nacen o río Lérez, o Umia e varios afluentes do Deza. 

non deixes de ver...

  • Aldea de Grobas
  • Aldea de Bustelos
  • Sistema Fluvial Ulla-Deza
  • Fervenza das Minas
Serra do Candán
Aldea de Groba

O eco das antigas aldeas

Baixar a pé ata a aldea de Grobas é toda unha experiencia en pleno monte virxe e libre que ninguén debería deixar de probar. Alí poderás escoitar o canto dos paxaros ou o son dun arroio, cheirar o refrescante aroma a terra mollada despois de chover, observar os verdes tons das plantas, gozar dun valioso patrimonio arquitectónico e evocar a vida na Galicia de antano a través das pedras das antigas vivendas. Unha aventura en contacto coa natureza pura.

O seu cume está dominado por matogueiras e grandes rocas e, aos seus pés, gozarás de extensas carballeiras, pradeiras e unha importante mostra de arquitectura popular. Ponte en marcha!

O alto de San Bieito ofrécenos unha impactante panorámica do val do Deza

Pola serra do Candán discorre unha ruta de sendeirismo de carácter circular, de dificultade media e cun percorrido de preto de 12 quilómetros. O fermoso traxecto destaca pola súa variada flora, con bidueiros, carballos ou cerquiños, e tamén pola súa fauna, xa que che brinda a posibilidade de divisar algún bufo real ou falcóns peregrinos, difíciles de localizar noutros puntos do territorio das Rías Baixas.

Serra do Candán
Aldea de Ventosela

Este sorprendente itinerario arrinca na aldea de Bustelos. Un camiño empedrado convídanos a camiñar ata chegar aos dous quilómetros á aldea abandonada de Grobas, un lugar enigmático onde contemplar o bosque de ribeira que a protexe.

Aquí comeza a ascensión ata o alto de San Bieito, que nos ofrece unha impactante panorámica do val do Deza, aínda máis ao tinguirse das cores do outono. Camiñar polo bordo da montaña farache vibrar de emoción para descender cara a Ameixedo, pisando as follas caídas dun bosque de castiñeiros e carballos.

Seguimos camiño entre prados e zonas húmidas ata chegar a Porto Marín e divisar a ponte de madeira do río Deza. Neste punto dáse media volta cara ao bosque para atravesar por unha ponte de pedra o Rego das Grove, preto da aldea de Grobas.