As Rías Baixas rexistran unha ocupación hoteleira do 43% en novembro
Os datos de ocupación hoteleira recollidos polo servizo de turismo da Deputación de Pontevedra volven a arroxar datos positivos para o sector nas Rías Baixas. A Presidenta da institución provincial, Carmela Silva, manifestou que "se ó remate da temporada estival facíamos balance do mellor verán turístico das Rías Baixas, con datos de ocupación próximos ó 80% - os mellores desde que hai rexistros- os datos deste outono seguen a ser moi positivos". En concreto, Silva referiuse a que o pasado mes de novembro mantivo unha ocupación hoteleira do 43%, case 20 puntos por riba que novembro de 2015, superando o 82% en concellos do Condado e da Paradanta ou o 50% en Deza e Tabeirós- Terra de Montes.
A Presidenta da Deputación de Pontevedra, ademais dos datos das comarcas do Condado, A Paradanta, Deza e Tabeirós-Terra de Montes, tamén adiantou os datos das comarcas de Caldas que superou o 46%, O Salnés que chegou ó 39%, Pontevedra que acadou o 37,5%, Vigo que superou o 32%, O Baixo Miño que sumou máis do 31% e O Morrazo que ascendeu ó 20%.
En canto ó turismo rural, Carmela Silva manifestou que se superou en máis de 6 puntos a porcentaxe de ocupación con respecto a novembro de 2015, rexistrándose as cotas máis elevadas en Caldas e Pontevedra.
Para esta ponte de decembro, a Presidenta da Deputación de Pontevedra asegurou que a ocupación hoteleira na provincia de Pontevedra será próxima ó 40%, 19 puntos máis que o mesmo período do ano 2015, e o turismo rural superará en 10 puntos os resultados de decembro de 2015.
En canto ó perfil do turista que visitou as Rías Baixas durante o pasado mes de novembro, Carmela Silva indicou que procedían do noso país (84,21%), principalmente de Madrid, Barcelona e Asturias, que se aloxaron en hoteis (54%) de Sanxenxo, Cambados, O Grove e Vigo, durante 4-6 días. Chegaron ata a provincia de Pontevedra empregando as estradas e o avión e o principal motivo polo que nos visitaron é a cultura (45%), seguido de ocio en xeral (38%). Ó respecto, Carmela Silva asegurou que "estas porcentaxes veñen a poñer de manifesto que o turismo nas Rías Baixas non está xa ligado ó sol e á praia, senón a aspectos máis relacionados coa cultura e ocio, o que amosa un cambio nos hábitos das persoas que nos visitan".