Baiona espera a asistencia de 20.000 persoas ao Trial de las Naciones
Baiona convértese este fin de semana en epicentro do motor, ao exercer de sede da proba intercontinental Trial de las Naciones. Trátase dunha competición por equipos, nas súas categorías masculina e feminina, na que se darán cita máis de 150 pilotos dunha trintena de países. As e os afeccionados poderán gozar dos mellores pilotos da disciplina, entre os que destacan deportistas españois, como Toni Bou, campión do mundo. De feito, España obtivo ata a data 22 vitorias nas 32 edicións disputadas e parte como favorita.
La Peña Moteros Val Miñor estima a chegada a Baiona dunhas 20.000 persoas, entre as que se contan pilotos, mecánicos, técnicos, directivos, familiares dos participantes e afeccionados, que se desprazan desde os cinco continentes. A ocupación hostaleira será previsiblemente do 100 %.
O circuíto da proba está distribuído en varias zonas, ao longo do paseo do Monte Boi e nas inmediacións do Parador Nacional de Turismo. Os e as pilotos deberán afrontar o percorrido completo sen parar, superando os diferentes obstáculos trazados sobre as rocas do mar e por baixo das murallas do Parador de Turismo, aproveitando as ladeiras montañosas e os seus outeiros.
O Trial de las Naciones comezou a organizarse en 1984, con carácter anual, en diferentes sedes. Desde que foi creada a proba, outras tres cidades españolas albergaron a competición: Seva, en Barcelona, no ano 2000; Córdoba, en 2004; e Tarragona, en 2015. Este ano, a Federación Internacional de Motociclismo outorgou á Peña Moteros Val Miñor a organización do trial.