Dakídarría: un canto ás linguas libres no mar de Arousa
Ás sardiñas asadas coñéceselles como Revenidas en Vilaxoán, vila mariñeira que pertence a Vilagarcía de Arousa e acolle un dos grandes festivais de verán na provincia de Pontevedra: os Rías Baixas Fest. Música, diversidade cultural, compromiso social, gastronomía e lecer son os ingredientes da cita, bautizada precisamente como Revenidas, enmarcada neste pobo de pescadores e coroada cunha gran degustación de sardiñas á que acoden miles de persoas.
A banda galega Dakidarría homenaxea á lingua galega, catalá e éuscaro na estrea semanal das Sesións Rías Baixas, un formato emitido na plataforma de vídeo curto Flooxer coa colaboración de Turismo Rías Baixas . O grupo de ska, reggae e punk rock adapta o seu estilo nesta peza, entoada no porto de Vilaxoán, a unha versión máis melódica e menos festeira, cos barcos pesqueiros da frota da vila que faenan na ría de Arousa como pano de fondo.
Vilaxóan está situada nunha contorna repleta de atractivos: O Grove, A Illa de Arousa, Cambados, Sanxenxo ou Combarro (Poio) son referentes turísticos desta comarca, O Salnés, onde se serven os mellores peixes, mariscos e viños das Rías Baixas, e que loce paisaxes impresionantes e decenas de praias con bandeira azul. Unha delas, a do Preguntoiro, acolle un dos escenarios de Revenidas, que volverá entre o 17 e o 19 de agosto con novos concertos e actividades.
A vila combina en perfecta harmonía mar, paisaxe, pazos con belos xardíns e os mellores peixes e mariscos da ría de Arousa
O miradoiro do monte Xiabre é un bo punto de partida para dominar Vilagarcía de Arousa, a ría e parte da comarca, onde se mesturan á perfección a paisaxe marítima, natureza, viñedos e pazos con belos e coidados xardíns.
Ao norte do municipio sitúase O Carril, outra interesante vila mariñeira onde se colleitan ameixas con fama internacional, e enfronte eríxese a illa de Cortegada, que pertence ao Parque Nacional Illas Atlánticas e conta co bosque de loureiros máis grande de Europa.
Para coñecer o pasado de Vilagarcía de Arousa é recomendable visitar o xacemento de Castro Alobre, en pleno centro urbano e ocupado na última etapa da Idade do Ferro (século I a. C.). E dentro do patrimonio ocupan un lugar destacado os pazos. O de Rubianes, o único señorío de Galicia, data do século XV e é a xoia da coroa, con Xardíns de Excelencia Internacional, 4.500 camelias e viñedos na contorna. Vista Alegre, A Golpelleira, O Rial e Sobrán son outros pazos que se atopan na localidade do Salnés.
Vilagarcía de Arousa e a súa veciña Catoira marcan o límite da ría de Arousa coa desembocadura do río Ulla. Ao pé das Torres de Oeste chegan os viquingos o primeiro domingo de agosto a bordo de drakkars. Fai mil anos a súa intención era saquear os tesouros de Compostela. Hoxe os seus sucesores galegos entréganse á diversión nunha festa declarada de Interese Turístico Internacional. A cita pode ser o arranque perfecto dun mes no que Revenidas ocupará un lugar central no calendario festivaleiro da provincia de Pontevedra.