O Atlántico Express leva os Festivais Rías Baixas ao Porto o día 3 de xuño ao son da música en directo
O Tren Celta que une Vigo e O Porto fará unha viaxe especial o 3 de xuño con moita música e bo ambiente. Nesa data, ás 8:56 horas, partirá da estación ferroviaria de Guixar, transformado no Atlántico Express, un convoi especial que promocionará os 8+1 Festivais Rías Baixas na segunda cidade de Portugal. A bordo, as pasaxeiras e pasaxeiros gozarán das actuacións en directo de Najla Shami, MounQup e Basanta, e os concertos nos vagóns estarán aderezados cun xantar de produtos tradicionais.
Un nutrido grupo de xornalistas, blogueiras e blogueiros, instagrammers e representantes do sector turístico viaxarán no tren e retransmitirán o evento a través das redes sociais e webs, dando eco ás novidades dos festivais. O Atlántico Express xa logrou un gran impacto mediático na súa edición do ano pasado, cando a Deputación de Pontevedra puxo en marcha a iniciativa. Tamén irán a bordo as persoas promotoras dos festivais e alcaldes dalgúns dos municipios nos que se celebran os eventos.
Unha vez chegue o convoi ao Porto está previsto un encontro con influencers portugueses para promocionar os festivais, e estes subirán ao tren na viaxe de volta ás Rías Baixas. Deste xeito,
a programación do Atlántico Express prolongarase ata o domingo 4, no que xornalistas, instagrammers e blogueiras e blogueiros visitarán o castelo de Soutomaior, A Illa de Arousa (sede do Atlantic Fest, o primeiro dos 8+1 Festivais Rías Baixas ), Cambados (declarada este ano Cidade Europea do Viño), Combarro e Vigo. Deste xeito, promocionarán nas súas redes As Rías Baixas.
Xornalistas, instagrammers e blogueiras e blogueiros darán difusión ao evento desde o convoi e influencers de Portugal farán ao día seguinte unha xira polas Rías Baixas
"Os Festivais Rías Baixas son únicos, rompedores, extraordinarios e auténticos, e queremos que se convertan na nosa imaxe de excelencia e sirvan de reclamo para as persoas visitantes. Hai moitas razóns para visitar As Rías Baixas, e esta é moi relevante", explicou esta mañá na presentación deste segundo Atlántico Express a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva. O acto tivo lugar na estación ferroviaria de Guixar e estivo acompañado de varias interpretacións do dúo Antifrágil. Asistiron, entre outros, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, e representantes dos Festivais Rías Baixas.
As 8+1 citas deste ano son: Atlantic Fest (A Illa de Arousa; 30 de xuño e 1 e 2 de xullo), Cultura Quente (Caldas de Reis; 7 e 8 de xullo), PortAmérica (Caldas de Reis; 13, 14 e 15 de xullo), Sinsal Son Estrella Galicia (illa de San Simón; 21, 22 e 23 de xullo), SonRías Baixas (Bueu; 3, 4 e 5 de agosto), O Marisquiño (Vigo; 11, 12 e 13 de agosto), Revenidas (Vilaxoán; 18, 19 e 20 de agosto); Vive Nigrán (Nigrán; 26 e 27 de agosto) e Festa Cidade Europea do Viño (Cambados;
9 de setembro). Varios dos grupos que tocarán no Atlántico Express actuarán nos Festivais Rías Baixas .
Tren cultural
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, felicitou na presentación á Deputación de Pontevedra por esta orixinal aposta e afirmou que "o tren xa non é só un medio de transporte senón tamén de transmisión da cultura, da festa e da nosa gastronomía, promocionando uns festivais que forman parte da nosa historia".
Pola súa banda, os promotores dos Festivais Rías Baixas (Jordi Lauren do SonRías Baixas e Luis Campos do SinSal Son Estrella Galicia) aseguraron que "cada ano damos un paso máis para situarnos como referente cultural", sinalou Lauren, e asegurou que esta unión nos permite engadir sinerxías continuamente e que xurdan oportunidades que doutra forma serían imposibles".
Campos, ademais, asegurou que "tamén estamos a traballar para crear sinerxías cos festivais do norte de Portugal", e lembrou que "a nosa unión é moi interesante porque permite que teñamos un diálogo e que, a pesar de ser empresas distintas, haxa unha identidade nos proxectos que desenvolvemos".