O Festival IKFEM 2017 organizará a súa 5ª edición do 21 ao 25 de xullo na Eurocidade Tui-Valença
O Festival IKFEM 2017 organizará a súa 5.ª edición do 21 ao 25 de xullo na Eurocidade Tui–Valença. O certame, concibido como unha ponte de culturas, historias e músicas, propón un encontro internacional no que se dan cita artistas de todo o mundo nas Rías Baixas. O nexo de unión, a familia dos instrumentos de teclado.
En 2013 e da man da pianista Andrea González –presidenta de Xuventudes Musicais do municipio–, nacía o International Keyboard Festival & Masterclass da Eurocidade Tui-Valença. Desde entón, o evento vén ofrecendo un atractivo calendario de sesións musicais pero tamén formativas ao redor de instrumentos como o piano, fortepiano, órgano, organetto, clave, acordeón, zanfona ou piano electrónico.
Dous pobos unidos polo río Miño
A Eurocidade Tui-Valença responde a un modelo de xestión compartida entre dous pobos unidos polo río Miño a través da popular Ponte Internacional. Ademais desta infraestrutura, son moitas as razóns que converten á rexión en destino de centos de visitantes. Destacan, por exemplo, a Fortaleza de Valença, a Catedral de Tui e o seu conxunto histórico ou a propia canle fluvial. A gastronomía e o paso do Camiño Portugués por ambas as localidades atraen, así mesmo, a numerosos turistas e peregrinos.
Artistas de todo o mundo e masterclasses
A idiosincrasia de IKFEM vén marcada, por tanto, polo feito de realizarse en ambas as marxes do Miño, achegando valor a todo o territorio. Respecto da súa programación musical, nesta edición o certame segue abríndose a artistas de todo o planeta. Así, por el desfilou xa unha selección de músicos nacionais pero tamén internacionais, polo que ademais de España e Portugal estiveron representados países como Austria, Lituania, Israel, Bélxica ou Italia.
Neste sentido, xa se coñecen as primeiras confirmacións da programación de concertos –todos gratuítos e de acceso aberto ata completar aforamento– de IKFEM 2017. Así, a música barroca interpretada por Ignacio Prego e a súa ensemble Tento Nuovo, o órgano de João Vaz, o concerto didáctico e para toda familia de Emilio Villalba e Sara Mariña e o folk-indie-pop dos tudenses Best Boy conforman as primeiras actuacións xa pechadas. Ademais destas persoas, confirmouse a presenza en Tui-Valença de Graciela Rodríguez e Daniel Pereira –que interpretarán "Cancións para Sempre"– e de Miguel Campinho, que foi recoñecido con varios premios en concursos internacionais.
Ademais de España e Portugal estiveron representados países como Austria, Lituania, Israel, Bélxica ou Italia
O apartado formativo é outro dos grandes eixos do International Keyboard Festival & Masterclass da Eurocidade Tui-Valença. Aberto o prazo de inscrición nas masterclasses desta edición, este formato está pensado tanto para músicos profesionais como para aqueles que desexan iniciarse. En concreto, ofreceranse clases de piano clásico, órgano,clave, piano jazz e –como novidades este ano–, piano repertorista para canto e piano barroco.
Destaca ademais neste sentido a nómina docente do certame, integrada por profesoras e profesores entre os que se atopan veteranos como Abe Rábade (piano jazz, Santiago de Compostela), Daniel Pereira (piano, O Carballiño), Marisol Mendive (órgano, Bilbao) e Andrea González, pianista e directora de IKFEM. Por primeira vez, estarán en Tui-Valença Carlos César Rodríguez (piano, Venezuela), João Vaz (órgano, Lisboa), Miguel Campinho (piano repertorista, Portugal) ou Ignacio Prego (clavenecista, Madrid). Ata o momento, máis de 80 alumnas e alumnos de nove países participaron nestas sesións formativas.
Ata o momento, máis de 80 alumnas e alumnos de nove países participaron nestas sesións formativas.