O xacemento máis antigo de Galicia, agora na revista Nature
A publicación en liña Scientific Reports, da prestixiosa revista científica Nature, publicou o pasado 15 de febreiro un artigo sobre os novos e importantes achados nos xacementos arqueolóxicos de Porto Maior, As Neves, en Pontevedra.
Ten como título "First evidence of an extensive Acheulean large cutting tool accumulation in Europe from Porto Maior" e está asinado polos investigadores Eduardo Méndez-Quintas, M. Santonja e A. Pérez-González, todos do Centro Nacional de Investigación sobre a Evolución Humana (CENIEH), xunto con M. Duval, do Australian Research Centre for Human Evolution, e M. Demuro e L. J. Arnold, da School of Physical Sciences da Universidade de Adelaide, Australia.
As diferentes técnicas de investigación datan o xacemento entre os 300.000 e 200.000 anos de antigüidade, o que converte este complexo no máis antigo de Galicia no que se achou actividade humana. Información notable que adiantaría as datas sobre as primeiras ocupacións humanas en territorio galego.
É o "descubrimento arqueolóxico con maior transcendencia científica realizado en Galicia nos últimos 50 anos"
Outros datos relevantes fan referencia ao tipo de ferramentas atopadas, pezas talladas achelenses (industria lítica do Paleolítico inferior) coñecidas como LCTs (Large cutting tools), as cales serían as primeiras documentadas en Europa. Ademais, outras das ferramentas achadas destacan pola súa envergadura, superando os 18 centímetros de longo, atopándose desta maneira entre as máis longas do seu estilo, tanto en Europa coma a nivel mundial.
Méndez-Quintas sinalou que se trata do "descubrimento arqueolóxico con maior transcendencia científica realizado en Galicia nos últimos 50 anos".
Un xacemento achado recentemente. Concretamente en 2005, tras a extracción de terras durante unhas obras. Os traballos arqueolóxicos, reiniciados principalmente entre 2012 e 2014, foron financiados pola Consellería de Cultura, con apoios tamén por parte do Ministerio de Ciencia e Innovación e a Australian Research Council.
Á importancia da cronoloxía do xacemento, a súa relevancia dentro da arqueoloxía galega e o tipo de ferramentas utilizadas, súmase que se trata do primeiro artigo sobre complexos arqueolóxicos galegos que aparece na revista Nature.
Unha serie de noticias positivas tanto para a ciencia e arqueoloxía coma para o patrimonio galego.