A caravana do viño de Cambados segue o seu tour ibérico e chega a Lisboa
A orixinal caravana que promove a Cambados como Cidade Europea do Viño 2017 segue a súa xira pola península ibérica e fixo parada en Lisboa, unha das escalas estrela do percorrido tras pasar por Andalucía, Castela-A Mancha e Madrid. Desde o vehículo publicítase a capitalidade vitivinícola con información sobre o prestixioso galardón que loce este ano a localidade, así como do propio municipio e da súa histórica vinculación co mundo do viño. A caravana tamén promove os produtos da denominación de orixe Rías Baixas, co albariño como estrela e en colaboración con adegas do Salnés.
O tour da caravana é unha do centenar de iniciativas que puxo en marcha o Concello de Cambados, varias delas en colaboración coa Deputación de Pontevedra, para divulgar a capitalidade no sector vitivinícola europeo. O vehículo iniciou a súa xira o día 12 en Andalucía onde se detivo, entre outras cidades, en Sevilla, Málaga, Marbella, Torremolinos, Chipiona e Montilla. Alí suscitaron o interese de medios de comunicación locais e rexionais, que deron difusión á iniciativa. Esta tivo unha gran acollida na súa ruta.
Ruta polo país veciño
Tras abandonar terras andaluzas a caravana puxo rumbo a Castela-A Mancha e Madrid. Cuberta a rolda polo territorio español, o vehículo dirixiuse a Portugal, onde ademais de promover Cambados no corazón de Lisboa deterase no Porto, antes de concluír a xira en Galicia.
O vehículo ofrece información sobre Cambados e o seu vínculo co viño, e promove os caldos da denominación de orixe Rías Baixas.
Cambados recibiu a distinción de Cidade Europea do Viño nunha gala celebrada en Palmeiras (Portugal) o pasado 4 de novembro. A localidade das Rías Baixas impúxose na final a outras zonas de gran tradición vitivinícola: Aranda de Duero, Vilafranca del Penedès e La Palma del Condado. Cambados releva na capitalidade, que concede a Rede de Cidades Europeas do Viño (Recevin) ás cidades italianas de Conegliano e Valdobbiadene, que se asociaron para optar á distinción en 2016.
A promoción de Cambados como Cidade Europea do Viño, enmarcada no eixe de enoturismo, é xunto cos Festivais Rías Baixas e os camiños de Santiago que cruzan a provincia unha do tres apostas centrais da campaña de Turismo Rías Baixas para 2017, xa presentada en Pontevedra, Vigo, Madrid e Lisboa, e que moi pronto recalará no Porto.