A mazá nas Rías Baixas, unha experiencia para os sentidos
Poñer en valor a riqueza paisaxística das maceiras en flor e recoñecer a potencialidade da industria de sidra tradicional das Rías Baixas, que na Estrada se remonta á Idade do Ferro, é o obxectivo das “Rutas Maceiras en Flor. Experiencias para os Sentidos” que organiza a Deputación de Pontevedra.
Totalmente gratuítas, cada unha das dúas rutas, que terán lugar o próximo 12 de maio en Callobre, contará con 24 prazas de autobús e 20 prazas para aqueles que prefiran ir en coche propio; será necesaria a inscrición previa través de correo electrónico.
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, destacou que estas rutas “enmárcanse no Plan Estratéxico de Turismo, co obxectivo de desestacionalizar a demanda e dinamizar o interior da provincia de Pontevedra, como tamén fixemos coa Ruta dos Xardíns da Camelia ou a Ruta de Marisqueo nas Rías Baixas”. “Se no Jerte, Estremadura, púxose en marcha con moito éxito a Ruta das Cerdeiras en Flor, en Pontevedra imos apostar pola Ruta das Maceiras en Flor que, nestas datas, están fermosísimas”, engadiu.
Todas as persoas interesadas nesta experiencia sensorial única poderán inscribirse, a partir de hoxe 4 de maio, en visitasguiadas@depo.gal. A persoa solicitante debe especificar o itinerario escollido, o nome das persoas que asisten (cun máximo de catro persoas por solicitude), o teléfono de contacto e o lugar de saída, Pontevedra ou Vigo. A adxudicación das prazas será por orde de chegada das solicitudes e a confirmación da ruta comunicarase por correo electrónico ou teléfono entre os días 9 e 10 de maio.
Ruta 1: Callobre-sidraría Peroja
A primeira ruta partirá, ás 9:00 horas, do Centro Comercial A Laxe de Vigo e, ás 9:30 horas, da capela de San Roque, en Pontevedra. Está prevista a chegada ás 10:30 horas á plantación de Callobre, na Estrada, onde, tras percorrer de forma guiada a plantación e contemplar en primeira persoa a beleza das maceiras na súa plenitude floral, as e os visitantes trasladaranse a un lagar antigo na parroquia de Agar.
Xa ao mediodía, ás 12:00 horas, as e os participantes nesta apaixonante ruta pola Estrada terán a oportunidade de visitar a sidraría Peroja, que conta con catro hectáreas de plantación cento por cento ecolóxica, da que obteñen ao redor de 50.000 quilos anuais de mazá. A xornada finalizará cunha degustación de sidra ás 12:30, para iniciar, unha hora despois, o regreso ás localidades de orixe.
Ruta 2: Callobre-sidraría Lagar de Ribela
As persoas interesadas en coñecer a riqueza dun froito, a mazá, que conta con ata medio centenar de variedades autóctonas, terán unha segunda oportunidade o día 12 pola tarde. De Vigo, tamén do Centro Comercial A Laxe, sairá un autobús ás 15:30 horas, mentres media hora máis tarde farao da capela de San Roque, en Pontevedra, iniciando a visita guiada pola plantación de Callobre, a partir das 17:00 horas.
Tras gozar das incribles paisaxes que as maceiras en flor debuxan sobre as terras estradenses, as persoas participantes trasladaranse á sidraría Lagar de Ribela, un negocio familiar que cultiva de forma ecolóxica variedades locais e ancestrais de mazá coma Rabiosa, Raida, Marafouza, Freixerana ou Pimienta. A visita finalizará cunha degustación de sidra, para emprender o camiño a casa, a partir das 19:30 horas.
Coñece máis da florecente industria da mazá na provincia de Pontevedra, onde se recollen máis de mil toneladas de mazá ao ano, coa nosa experiencia A sidra, o ouro líquido que florece na Estrada.