Rías Baixas suma o Descenso do Miño á súa longa lista de festas de interese turístico
O Descenso Internacional do Miño é a primeira proba deportiva que se desenvolve en Rías Baixas en lograr o recoñecemento de festa de interese turístico autonómico. A Xunta acaba de aprobar o distintivo, atendendo á solicitude do Concello de Tui, tras valorar a antigüidade, a singularidade do evento e o arraigamento que ten na cidade.
O Descenso do Miño é unha proba competitiva organizada polo Club Kaiak Tudense no mes de agosto, na que participan centos de padeeiros. Á competición sumouse hai sete anos outra actividade, o Descenso Popular do Miño, que permite a participación de centos de persoas non profesionais. O deporte combínase, ademais, cunha romaría popular na ribeira de Caldelas e unha festa gastronómica que ten lugar no centro urbano ao finalizar a xornada.
As orixes da festa remóntanse ao século XIX, cando se organizaban regatas de chalanas e botes no río Miño. Esta tradición mantívose no tempo e terminou introducindo as piraguas na competición. Desde 1979 a proba é organizada polo Kayak Tudense.
Todas estas razóns converteron o Descenso do Miño nunha cita moito máis que deportiva, que se consagra agora no calendario de festas galegas coa distinción de "interese turístico". O recoñecemento supón o segundo distintivo deste tipo para Tui, cuxas festas patronais de San Telmo foron declaradas de interese turístico de Galicia en 2003.
45 festas de interese
O Descenso Internacional do Miño súmase ás outras 45 festas declaradas de interese turístico na provincia de Pontevedra, a maioría delas de carácter gastronómico, aínda que tamén hai recreacións históricas, festas relixiosas e tradicións de interese etnográfico. Das 45 distincións, 37 son de interese autonómico, 5 de interese nacional e 3 de interese internacional.