Así é a praia de Melide, situada nas Rías Baixas e destacada como unha das 20 máis alucinantes de toda España
"Dicir Melide é amentar as Illas Cíes: só tres quilómetros separan Melide do parque nacional, e sen necesidade de facer colas nas navieiras. Ambas comparten area cor nata, augas xélidas e piñeiros. A súa remota localización garante a ausencia de aglomeracións. En Donón sae a pista a Punta Subrido, ata o chiringo de Pedro Piñeiro". Así describe o portal especializado
El Viajero a praia das Rías Baixas de Melide, á que sitúa entre as máis alucinantes de toda España.
Recoñecida con bandeira azul, Melide é unha praia de area branca e fina que se abre ao mar cara á ría de Vigo. Situada en pleno espazo natural protexido de Cabo Home, o seu extremo máis meridional pártese en dous á vez que é flanqueada por tres faros con inmellorables vistas ás Illas Cíes .
Protexida ademais pola Rede Natura 2000, en Melide destacan especialmente as súas vistas panorámicas e a súa ondada moderada con accesos e infraestruturas totalmente adaptadas a persoas con discapacidade. Razóns, todas elas, para que o areal pontevedrés se coe entre as máis abraiantes dunha costa con máis de 8.000 quilómetros. A praia de Melide, cunha extensión aproximada duns 250 metros e en mar aberto, destaca ademais polas súas boas condicións para a práctica de surf. Nas proximidades, un piñeiral completa o encanto deste areal galego.
Outros areais de bandeira
Con Melide, este ano a provincia de Pontevedra ofrece 53 areais con bandeira azul, case a metade dos galardoados en toda Galicia. A comunidade, a segunda en número de bandeiras azuis só por detrás de Valencia, suma así este ano un total de 113. Nas Rías Baixas este símbolo de calidade, coidado e servizos nas praias poderá observarse en 14 municipios:
A Guarda, Baiona, Nigrán, Vigo, Redondela, Moaña, Cangas, Bueu, Marín, Poio, Sanxenxo, Vilagarcía de Arousa , A Illa de Arousa e Ponte Caldelas . Neste último caso, trátase da única praia fluvial galardoada na rexión.