De PortAmérica a Revenidas: chegan os Rías Baixas Fests!!
Os #RíasBaixasFest xa están ao virar a esquina. A Deputación de Pontevedra, as e os organizadores do circuíto de festivais, e autoridades dos concellos nos que se celebran lanzaron hoxe ao mediodía a nova edición destes sete eventos imprescindibles no calendario de lecer de verán. O acto, realizado nos xardíns do Palacete das Mendoza (sede de Turismo Rías Baixas), contou coa presenza de numerosas invitadas e invitados, e puxo a banda sonora o Combo Jazz do Conservatorio Mayeusis de Vigo.
PortAmérica (Caldas de Reis, o 5, 6 e 7 de xullo) marcará o lanzamento dos Festivais Rías Baixas, e seguiranlle Vive Nigrán (20 e 21 de xullo), Atlantic Fest (A Illa de Arousa, 20, 21 e 22), Sinsal SON Estrella Galicia (Illa de San Simón, 26, 27, 28 e 29), SonRías Baixas (Bueu, 2, 3 e 4 de agosto), O Marisquiño (Vigo, 10, 11 e 12) e Revenidas (Vilaxoán, 17, 18 e 19). A presidenta da Deputación, Carmela Silva, destacou na presentación que os #RíasBaixasFests son unha idea exitosa que fomenta a música, e constitúen un elemento moi potente de creación económica e promoción turística”, ademais de resaltar a aposta renovada da institución provincial por promover a sustentabilidade ambiental e a igualdade. Neste sentido realizarase unha campaña contra o sexismo denominada “Conta comigo, eu respéctote” (que recolle a testemuña da anterior edición “Lembra: eu decido, ti respectas”), e outra de concienciación sobre o coidado ambiental.
Os festivais volverán conxugar a mellor música coa gastronomía, e a Deputación aposta de novo por campañas a favor da igualdade e a sustentabilidade ambiental
“Os Festivais Rías Baixas celébranse en contornas incomparables coa capacidade de traer á provincia de Pontevedra artistas internacionais, revalorizando a gastronomía e o compromiso co territorio”, agregou Carmela Silva. O director do Marisquiño, Carlos “Pity”, resaltou pola súa banda que o circuíto de festivais “é un proxecto estratéxico baseado no turismo, porque o público vive unha experiencia que despois quere repetir”.
O alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey, destacou a importancia de PortAmérica para a promoción económica e turística do municipio, mentres que Juan González, rexedor de Nigrán, proclamou que “a marca Rías Baixas Fest fortalece estes grandes eventos de referencia”. O primeiro edil da Illa de Arousa, Carlos Iglesias, apuntou pola súa banda que “para os concellos é importante a existencia deste circuíto, e no caso da Illa de Arousa o retorno económico que supón é inmellorable”.
O deputado provincial responsable de Turismo e edil vigués Santos Héctor Rodríguez destacou a gran repercusión dos festivais e indicou respecto do Marisquiño que é o gran festival de referencia do deporte de acción e a cultura urbana de Europa.
“Viva a música e vivan os #RíasBaixasFests. Esperamos a todos e a todas neste paraíso”, apostilou Carmela Silva antes de que o Combo Jazz de Mayeusis puxese o broche ao acto.