Goza dunha velada exclusiva na illa de San Simón
Desde fai unhas cantas tempadas, o arquipélago de San Simón formado polas illas San Simón e San Antón en Redondela, son escenarios dedicados á cultura e á memoria. Nel veñen realizando moitas actividades, como recitais de poesía, literatura ou música. A última, o festival Sinsal do pasado verán ou os máis recentes Roteiros Literarios. Agora, o día 11 de novembro de 2017, as dúas illas unidas por unha pequena ponte, acollen un novo evento de carácter gratuíto organizado polo concello local e a Xunta de Galicia.
O motivo, realizar un concerto coa letra das diferentes cantigas do trobador Martín Códax cuxa obra máis prezada, o Pergamiño Vindel, atópase na actualidade desde outubro ata marzo de 2018 no Museo do Mar de Vigo, cedido por The Morgan Library Museum.
A actuación será levada a cabo polo grupo Pres de Cambrai, e é unha excelente oportunidade de gozar dunha velada exclusiva na illa, pois as prazas son limitadas a 65 persoas. As barcas para trasladar ás persoas asistentes sairán de Cesantes a partir das 17 horas, e está previsto que a volta sexa a partir das 20 horas.
Un acto case intimista para gozar dun espazo ocupado polo home máis de mil anos atrás, desde templarios ata trobadores, para ser testemuña de continuas intervencións piratas ou mesmo da batalla de Rande que hai unhas semanas se teatralizou na praia que xace á beira.
As persoas interesadas en acudir ao evento poden poñerse en contacto co concello local, chamar ao seguinte teléfono 986 400 300, ou enviar un correo electrónico a normalizacion@redondela.gal.
Para as e os asistentes de fóra, algunha recomendación para ver nos arredores da enseada, é visitar o Centro de Interpretación Meirande, que acolle información sobre esa batalla a comezos do século XVIII, pasear polo complexo arqueolóxico Monte Penide Prehistórico, ou achegarse ao castelo de Soutomaior .