O Camiño pola Costa vive unha época de auxe, cun 48 % máis de peregrinos, dos que tres de cada catro son estranxeiros
O Camiño Portugués pola Costa está a converterse nunha sólida alternativa para quen desexe realizar a Ruta Xacobea. O número de peregrinos que escolleron seguir o percorrido desde A Guarda polo litoral experimentou en 2016 un espectacular crecemento do 48 %, segundo os datos solicitados pola oficina de turismo de Baiona.
Os cidadáns estranxeiros valoran especialmente o atractivo deste itinerario, no que a Deputación de Pontevedra centrou a súa promoción na Feira Internacional de Turismo (Fitur), realizada o pasado mes de xaneiro. Tres de cada catro camiñantes proceden doutros países, indica o informe elaborado pola oficina turística, que o ano pasado recibiu 1.640 peregrinos de 42 países. Deles, 1.235 eran cidadáns estranxeiros, 128, galegos, e 287, doutras comunidades autónomas españolas. O percorrido discorre a pé de mar, xunto a cantís, xoias arqueolóxicas coma Santa Trega, o único mosteiro de Europa á beira do Atlántico, o de Santa María de Oia, belos conxuntos históricos, coma o de Baiona, illas paradisiacas, coma as Cíes, ou a maior cidade de Galicia, Vigo.
Os portugueses conforman a representación internacional con máis presenza no Camiño Portugués pola Costa (254 acudiron á oficina de Baiona). Cómpre destacar que un terzo deles realizaron a ruta en grupos organizados. Aos veciños lusos séguennos os alemáns (143), irlandeses (124) e estadounidenses (120). Entre as 42 nacionalidades atópanse cidadáns de Sudáfrica, Corea do Sur, Nova Zelandia, India, Emiratos Árabes ou Xapón, o que indica que o grao de coñecemento da ruta vai en aumento.
Entre os nacionais sobresae a presenza de andaluces e madrileños, seguidos de cataláns, valencianos e leoneses. Os grupos organizados procedían sobre todo das provincias de Pontevedra, A Coruña, Sevilla e Cuenca.
Internet, a canle de maior promoción
A rede converteuse na vía que máis facilitou a difusión do Camiño pola Costa. O 37 % dos peregrinos contestaron que fixeron a ruta tras coñecela en Internet, mentres que outro 20 % realizara anteriormente outros camiños xacobeos; a participación en viaxes organizadas convenceu un 18 % e o boca a boca funcionou noutro 13 %. Un 9 % decidiuse a vivir a experiencia tras coñecer a ruta en guías de viaxe. O departamento de Turismo de Baiona realizou visitas guiadas para dar a coñecer o tramo do Camiño na localidade.
Un terzo dos camiñantes realizou a viaxe en parella, un 17 % en solitario e o outro 50 % en grupos de máis de dúas persoas (o 22 % deles, de tres a cinco viaxeiros, e o 13 %, de 30 a 50).
Selado da Credencial
Entre os motivos que levaron as persoas que realizaron o Camiño á oficina baionesa destaca o do selado da Credencial (o 44 %) e a petición de mapas da zona (o 20 %). Un 10 % buscaba aloxamento (o 6 % en albergues e un 4 % noutras categorías de aloxamento).
Evolución espectacular
O Camiño Portugués pola Costa, recoñecido o ano pasado como Ruta Xacobea oficial, experimentou un enorme e ininterrompido crecemento nos últimos anos, especialmente acentuado en 2016. Hai un lustro pasaron pola oficina de Baiona 77 persoas, un ano despois foron 590 e en 2016 practicamente triplicouse esa cifra, o que acredita o auxe que está a comezar a vivir o itinerario polo litoral.