O Esmorga Folk pon o público a bailar coa música tradicional
O Festival Esmorga Folk vai unido cada ano á Festa da Empanada de Bandeira, unha cita gastronómica que xa é todo un clásico do verán, con 42 edicións celebradas ata a data. Aínda que nun principio ambos os eventos celebrábanse o mesmo día, na actualidade o Esmorga Folk celébrase un día antes, neste caso, o 18 de agosto.
O cartel deste ano está formado por catro grupos de música tradicional cun directo espectacular
O festival comeza ao once da noite no prado de Valladares e a entrada é gratuíta. O cartel deste ano está formado por catro grupos cun directo espectacular: as pandeireteiras As Lagharteiras; Uträqäns, unha orixinal banda que define a súa música como ciberfolk ou "psicodelia enxebre"; Os Tres Trebóns, integrado por tres veteranos artistas, Xurxo Souto (Los Diplomáticos de Monte Alto), Fran Amil (Papaqueixos, Ruxe-Ruxe, Diplomáticos) e Antón Díaz (Papaqueixos); e finalmente, Fiandola, un grupo cuxo repertorio está orientado ao baile.
Ademais, durante a tarde, antes da celebración do festival, celebraranse en Bandeira diversas actividades infantís, actuacións musicais e un campionato de tiro de corda.
O Esmorga Folk reúne cada ano a miles de persoas amantes da música tradicional, nun ambiente de diversión que lembra ao das foliadas. Polo festival pasaron artistas e grupos de recoñecido prestixio, como Carlos Núñez, Leilía, Mercedes Peón, Xosé Manuel Budiño, Quempallou, A Roda, Os Cempés , Milladoiro ou Chieftains.