A cultura galega mostra a súa vitalidade en Culturgal
A feira das industrias culturais de Galicia, Culturgal, celebra o seu décimo aniversario cunha nova edición na que aumentan o número de casetas e incorpórase un novo espazo dedicado á arte contemporánea.
Entre os días 1 e 3 de decembro daranse cita no Pazo da Cultura de Pontevedra 128 expositores –fronte aos 101 do ano pasado–, entre editoriais, distribuidoras de música, compañías de artes escénicas, produtoras, creadores e creadoras e institucións. Entre as e os participantes, figura a Deputación de Pontevedra que, como é habitual, poñerá a disposición dos municipios da provincia un espazo expositivo compartido.
Ademais, Culturgal inclúe nesta edición unha zona propia dedicada á arte contemporánea na que terá unha presenza destacada o Museo de Pontevedra, cuxas actividades se anunciarán en detalle nos próximos días. Concertos, espectáculos infantís, presentacións literarias, encontros con escritores e proxeccións audiovisuais son outras das actividades que nos ofrecerá a feira.
Culturgal actúa de escaparate da cultura galega e propón coa súa oferta un anticipo das compras de Nadal. Trátase dun evento consolidado que reúne cada ano a 1.500 persoas, entre empresas, institucións e público. A entrada ten un custo de 2 euros para as persoas adultas e de 1 euro para os nenos e nenas. Os menores de 3 anos non pagan.
Portugal, país invitado
A décima edición de Culturgal ten como país convidado a Portugal, unha iniciativa que conta co apoio das institucións lusas e o Instituto Camões. Así, a cultura portuguesa visibilizarase a través de encontros, conversacións e espectáculos.
Como en anteriores anos, Culturgal tamén deseñou unha programación específica para o público infantil, con máis dunha trintena de actividades de música, teatro, libros e ciencia.