A ocupación da provincia na ponte de decembro sobe dez puntos
A provincia de Pontevedra pecha coa ponte de decembro un ano turístico de récord, no que recibiu máis visitas que nunca. Os datos de Semana Santa, o verán, e a ponte do Pilar confirman o despegue que experimentou Rías Baixas como destino de vacacións no último ano.
En consonancia cos bos datos alcanzados ao longo do ano, na pasada ponte de decembro a ocupación media hostaleira subiu 10 puntos con respecto ao 2016, situándose nun 50 %. E todo iso, pese ao temporal que azoutou Galicia no fin de semana.
As maiores taxas de ocupación hostaleira rexistráronse nas comarcas do Salnés, cun 71,64 %; en Caldas, cun 71 %; en Pontevedra, cun 61 %; en Vigo, cun 54 %; e na comarca de Deza e Tabeirós-Terra de Montes, cun 49 %.
O turismo rural tamén resultou beneficiado nesta ponte da Constitución, xa que alcanzou unha ocupación do 35,15 %, 25 puntos máis que no 2016.
Plan Estratéxico de Turismo
A Deputación de Pontevedra ten previsto presentar o Plan Estratéxico de Turismo para a provincia o próximo 19 de decembro. O documento fixará as liñas estratéxicas e as accións concretas que vertebrarán a promoción turística da provincia nos próximos anos.