Os Festivais Rías Baixas suman e seguen: Atlantic Fest completa o cartel con dez bandas
A oferta musical dos Festivais Rías Baixas non deixa de crecer con novos nomes de calidade e diferentes estilos musicais. O último en anunciar máis fichaxes foi o Atlantic Fest, que completa o cartel da próxima edición con dez novas bandas. L. A., Apartamentos Acapulco, Electric Feels, Puma Pumku, Birds Are Indie, MounQup, Kings of the Beach, Sen Senra, Esposa e Dois son as últimas incorporacións dunha aliñación na que xa figuraban Los Planetas, Lori Meyers, Delorean, The Temper Trap, Rosalía & Raül Refree, Annie B Sweet, Joe Crepúsculo, Os Amigos dos Músicos e Maxïmo Park. Un menú de altura para o evento da Illa de Arousa , que abrirá o pano dos 8+1 Festivais Rías Baixas este verán o fin de semana do 30 de xuño e o 1 e 2 de xullo.
Os concertos do Atlantic Fest repartiranse polos escenarios Son Estrella Galicia, Turismo Rías Baixas (o auditorio), D'Tascas Jägermusic (as tascas da Illa de Arousa ), a praza de Abastos (Paco & Lola) e a Zona Gastro. Nesta última desvelaranse novas actuacións cando o público chegue ao festival. A programación musical do evento compleméntase con actividades náuticas, infantís e o mercado Galician Tunes.
Trinta concertos en PortAmérica
PortAmérica, que se celebra este verán por primeira vez en Caldas de Reis (13, 14 e 15 de xullo) preséntase cun cartel de trinta artistas e bandas destacables, entre elas atópase Aterciopelados, Ángel Stanich, Asian Dub Foundation, Leiva, Xoel López, Porter, The Horrors, Rufus T. Firefly, Mato Kingman, Igloo, Iván Ferreiro, Carlos Jean, Siddhartha e Triángulo de Amor Bizarro.
Estopa, Todos Tus Muertos, SES e Amparanoia encabezan SonRías Baixas; e en Revenidas estarán La Pegatina e Terbutalina, entre outras bandas
SonRías Baixas (3, 4 e 5 de agosto) volve sorprender cun menú de altos voos. Estopa, Todos Tus Muertos, SES, Amparanoia, Narco, Mad Professor, Guerreira, Arco, Zoo, Pedrá, Dakidarría e Dubioza Kolektiv subiranse ao escenario en Bueu .
Ao escenario de Revenidas (Vilaxoán, os días 18, 19 e 20 de agosto), subiranse nesta edición, entre outros, La Pegatina, Riot Propaganda, Esne Beltza, Vendetta, Terbutalina, Dakidarría, Desakato, Txarango, Auxili, Sara Hebe e Voodoo/Doen.
O festival Sinsal Son Estrella Galicia, na Illa de San Simón o 21, 22 e 23 de xullo, segue fiel ao seu espírito de non desvelar o cartel, que se coñecerá in situ. A nómina de artistas de Cultura Quente (7 e 8 de xullo) aínda é unha incógnita, e O Marisquiño (11, 12 e 13 de agosto) tampouco anunciou os concertos da nova edición.
Este ano engádese á oferta de Festivais Rías Baixas o Vive Nigrán (25 e 26 de agosto), e o Festival Cidade Europea do Viño, este último en Cambados o 9 de setembro. Proximamente coñeceranse os carteis.