Nin unha nin dúas nin tres, deléitate coas cinco estrelas Michelin nas Rías Baixas
Mar, praia, montaña e sobre todo boa comida. Son moitos os motivos para visitar Galicia, e a súa gastronomía sempre foi mencionada entre os aspectos máis destacados da comunidade.
Ademais dos bos pratos, xa sexan os froitos do mar ou do campo, e as súas continuas festas gastronómicas, hoxe indicámosvos aqueles restaurantes de Pontevedra que posúen unha estrela Michelin en 2017.
Empezando de norte a sur, na ría de Arousa, localizamos dúas. O primeiro en Cambados, Yayo Daporta. A súa cociña é descrita como contemporánea, e a súa especialidade, berberechos sobre un fondo mariño de algas, mariscos e coliflor, como indican na propia web Guía Michelin. Ademais, engaden, as cocochas de pescada ao pil-pil, ragú de touciño e chícharos tenros. O restaurante está nun edificio do século XVIII que chegou a funcionar como Hospital Real, e estamos a falar de prezos entre os 45 e 95 € o cuberto.
Na mesma ría, máis ao sur, no municipio do Grove, chegamos ata o popular Culler de Pau. Cociña contemporánea no que destacan as vieiras con mollo de cebola tostada e o linguado. Neste caso o prezo por cuberto rolda entre os 55 e 90 €.
Os cinco restaurantes destacan pola súa cociña contemporánea e estar emprazados na bela costa galega
Cambiamos de ría ata a de Pontevedra. Sen chegar á capital da provincia, en Sanxenxo, localizamos o de Pepe Vieira Camiño da Serpe. Cun prato entre os 69 e 84 €, destaca o dim sum de xouba con ali oli de allo negro. Os especialistas de Guía Michelin engaden a caldeirada tradicional e espiña e a robaliza con caldo de cebola torrefactado.
Tamén na ría, neste caso en Poio, está o restaurante de Solla. Nel, poden deleitarse co xurelo curado en sal, verduras encurtidas e escabeche cremoso, ademais do lumbrigante e polo de curral. Todo entre os 54 e 108 €.
Xa na ría de Vigo, temos a cociña de Maruja Limón xunto ao náutico de Vigo. Neste caso, destacouse o xurelo escabechado, remolacha, fresa e cereais. Así como o curuxo asado, allo porro tenro e pistacho. O cuberto vai desde os 35 aos 82 €.
Pola súa banda, Silibario de Tui, que si tiña estrela Michelin en 2016 pechou segundo contaron os compañeiros de La Voz de Galicia.