“Somos historias” anima no Porto a tomar o Camiño a Rías Baixas
A campaña de turismo “Somos historias”, que vira en torno ao patrimonio da provincia de Pontevedra, seduciu esta mañá ao público que asistiu no Porto a súa primeira presentación internacional, tras estrearse en Vigo a finais de febreiro cunha Gala e facer unha exitosa escala en marzo en Madrid.
O nobre edificio do Palácio da Bolsa foi o escenario da posta de longo da promoción na cidade do Douro a cargo da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, que detallou, ante personalidades políticas, operadores de turismo e prensa especializada, o rico legado histórico, cultural e natural do interior e a costa das Rías Baixas.
“Vivimos nun paraíso. Quen nos visita namóranse da provincia de Pontevedra e queren volver. É unha experiencia excepcional”, resaltou a presidenta da institución. O Camiño Portugués, que vive unha época dourada ao ser o segundo máis transitado de todos os itinerarios xacobeos e o que máis crece en persoas peregrinas, foi un dos eixos centrais do acto. A este percorrido, que en Rías Baixas empeza en Tui, súmase outro tamén vinculado ao Camiño luso: a variante pola Costa, que arrinca na Guarda e transcorre a beiras do océano Atlántico e a ría de Vigo, coas Illas Cíes no horizonte.
Para ilustralo, durante o evento emitiuse o vídeo do Camiño pola Costa, do mesmo xeito que o traballo audiovisual Cruzando Camiños, que mostra as seis rutas xacobeas que pasan pola provincia. O público gozou ademais da curtametraxe “Somos historias”, que encabeza a campaña, coa escritora María Vinyals como fío condutor e impresionantes imaxes de distintas paisaxes e patrimonio das Rías Baixas.
O castelo de Soutomaior ocupou un lugar especial: en maio reabrirá as súas portas cun museo no seu interior e está chamado a ser un referente turístico internacional
“Desde castelos a fortalezas, de castros arqueolóxicos a mosteiros, de illas paradisíacas e marismas a ríos e fervenzas do interior, de escritores universais a mitos e lendas. Esta é unha terra de mar, bosques e paisaxes marabillosos, cunha cultura milenaria, e unha gastronomía recoñecida no panorama internacional”, proclamou Carmela Silva.
O castelo de Soutomaior, que volverá ser visitable en maio unha vez que conclúa a musealización para explicar con novos e amenos medios a historia da fortaleza e os seus personaxes, foi outro dos pratos fortes da presentación no Porto. O recinto, unha perla do patrimonio das Rías Baixas, está chamado a converterse nun referente turístico internacional de primeira orde tras a reapertura.
“Vivimos nun paraíso. Quen nos visita namóranse da provincia de Pontevedra. É unha experiencia excepcional”, destaca Carmela Silva
Outro dos atractivos estrela da campaña relatados no Palácio da Bolsa son as Festas de Interese Turístico Internacional da provincia de Pontevedra: a Rapa das Bestas, que atrae aos mellores fotógrafos do mundo; as alfombras florais do Corpus de Ponteareas, unha espectacular mostra de arte efémera; A Arribada de Baiona, que traslada á localidade á época do Descubrimento de América; e a Romaría Viquinga de Catoira, que rememora as invasións nórdicas hai un milenio, converténdoas nunha multitudinaria festa.
Carmela Silva, presentada pola xornalista María Cerqueira Gomes, de Porto Canal, tamén se detivo nos Festivais Rías Baixas, xa un referente musical e de lecer consolidado no noroeste peninsular; e a gastronomía da provincia de Pontevedra, cunha mención especial ao albariño.
Primeiro país estranxeiro en visitantes
O ano pasado visitaron As Rías Baixas máis de 200.000 cidadáns e cidadás de Portugal, e un 35 % aloxouse nos establecementos hostaleiros unha media de tres días. Portugal é, tras España, o primeiro país en afluencia turística á provincia de Pontevedra.
“Compartimos estreitos lazos cun pobo ao que consideramos irmán: idioma, cultura, historia, costumes, belas paisaxes e unha forma de vivir. Témoslles un enorme agarimo e cónstanos que é recíproco. Hai unha proximidade única e excepcional. Por iso era absolutamente indispensable estar hoxe aquí con vostedes. Convidámoslles a descubrir As Rías Baixas e vivir unha experiencia única”, apostilou Carmela Silva.
A música tradicional do grupo Traspés puxo a banda sonora final en directo ao acto do Porto, e a continuación as persoas asistentes pasaron a gozar dun brunch con produtos das Rías Baixas.