"Comemos polos ollos", o concurso no que mostrarás as túas dotes fotográficas e gastronómicas
A Deputación de Pontevedra pon hoxe en marcha unha nova e creativa acción para promocionar a rica e variada gastronomía da provincia coa participación das usuarias e usuarios das redes sociais. A presidenta da institución, Carmela Silva, anunciou esta mañá a inauguración do concurso fotográfico Comemos polos Ollos, que se levará a cabo nos perfís de Twitter e Instagram de Turismo Rías Baixas e que lles invitará ás seguidoras e seguidores das dúas contas a compartir fotografías de produtos da provincia de Pontevedra, xa sexan ao natural ou cociñados.
“Sabemos que todos os nosos produtos son moi saborosos e fotoxénicos e que hai marabillosas e marabillosos artistas que nos poden transmitir esa beleza comestible que temos tan preto. Queremos que as usuarias e os usuarios das redes compartan esas imaxes con toda a comunidade”, declarou Carmela Silva.
Esta acción, enmarcada na campaña “Pontevedra Provincia na túa cesta”, ten como obxectivo poñer en valor os produtos locais e o traballo das produtoras e produtores da provincia a través da fotografía. A gastronomía é un dos activos consolidados do destino turístico Rías Baixas, segundo recolle o Plan estratéxico de turismo 2017-2020, e atesoura un alto potencial de captación de viaxeiras e viaxeiros.
Para participar no concurso é preciso seguir calquera das contas de Turismo Rías Baixas (@turisriasbaixas en Twitter e @turismoriasbaixas en Instagram) e incluír na publicación que acompañe cada fotografía o hashtag #comemospolosollos. O prazo de presentación de imaxes permanecerá aberto desde hoxe ata o 15 de xuño, e ao día seguinte de pecharse daranse a coñecer as fotografías gañadoras. As bases do concurso están colgadas na páxina web de Turismo Rías Baixas.
“Peixe, carne, alimentos da horta, queixos, viños, mel… Todos estes produtos e máis forman parte de nós, da nosa provincia. Animámosvos a compartir con nós a cor, as formas e as texturas dos pratos e dos alimentos a través de imaxes que falan de historia e de experiencias, do noso, o que nos identifica, o que valoramos e polo que nos valoran”, resaltou a presidenta da Deputación.
Os premios: sete lotes de produtos das Rías Baixas
No concurso entregaranse sete premios repartidos en dúas categorías –produto cociñado e produto ao natural– e haberá unha mención especial á “mellor composición fotográfica”, na que se valorará non só a calidade técnica e artística, senón tamén a promoción da provincia de Pontevedra como destino gastronómico e a posta en valor da riqueza turística das súas distintas comarcas. Os premios para as gañadoras e gañadores consistirán en lotes de saborosos produtos das Rías Baixas.
“Entre todas e todos crearemos un inmenso bodegón fotográfico para comeren a provincia polos ollos. Experimenta e sorpréndenos”, animou a presidenta da Deputación.