“É o teu momento”, a campaña baseada en emocións que a Deputación leva a FITUR para invitar a visitar As Rías Baixas
A Feira Internacional de Turismo de Madrid (Fitur), que ten lugar entre os días 19 e 23 deste mes, será o escaparate de lanzamento da campaña “É o teu momento”, coa que a Deputación de Pontevedra, a través dun amplo abano de propostas baseadas en emocións e experiencias, convida a viaxar a Rías Baixas.
A presidenta, Carmela Silva, avanzou a presentación nun acto que tivo lugar no Pazo provincial ante alcaldesas, alcaldes e representantes do sector, e cualificou “É o teu momento” como “unha campaña fresca e optimista que apela ás emocións para que as viaxeiras e viaxeiros saiban que somos un destino sustentable, seguro, hospitalario e multiexperiencial”. Coa promoción, segundo indicou a responsable provincial, a institución quere “facer unha chamada á acción que convida a crear novos recordos para o futuro neste paraíso que é Pontevedra Provincia”.
Acto en Fitur e vídeo oficial
A presentación da Deputación en Fitur terá lugar o xoves día 20, ás 12 horas, e conduciraa a reporteira viguesa Noa García. A institución daralle voz ao sector e poñerá rostro a toda a cadea de valor do sector turístico contando coa colaboración de Miguel de la Cierva, do Club Náutico do Grove. O acto poderá seguirse en streaming a través da web institucional e das redes sociais da Deputación.
A presentación de “É o teu momento” inclúe a estrea do vídeo oficial da campaña, no que colaboraron a artista Woiza, que poñerá voz á mensaxe, e a poeta feminista Lúa Mosquetera, coguionista “dun relato que non deixará a ninguén indiferente”, segundo anticipou a presidenta. A peza audiovisual é unha produción de Esmerarte Industrias Creativas, da que se fixo un adianto na presentación realizada no Pazo provincial.
A institución transmite con “É o teu momento” a mensaxe de que os milleiros de recordos recompilados desde o primeiro trimestre con “#momentosRíasBaixas”, promoción na que se convida a subir ás redes sociais fotografías e vídeos de instantes especiais en Pontevedra Provincia, poden ser realidade outra vez moi pronto, con novas experiencias inesquecibles.
Distintivos de calidade
Ademais, a Deputación recollerá en Fitur os once “Q” de calidade que obtivo a rede Info Rías Baixas, tres deles para as oficinas de Turismo Rías Baixas (sede central en Pontevedra, aeroporto de Vigo e A Armenteira en Meis), e as restantes para as oficinas municipais da Illa de Arousa, A Estrada, Cangas (A Bola), Nigrán, Sanxenxo, Baiona, Caldas de Reis e Poio (Casal de Ferreirós).
A institución tamén participará na novena edición dos premios SICTED, distintivo que premia a calidade nos destinos turísticos, onde revalidará o seu liderado como primeiro destino SICTED de España en número de establecementos distinguidos, con máis de 300.
Por outra banda, a delegación provincial acompañará aos concellos nas súas presentacións de destino e estará nas accións de promoción de proxectos como “Camiños do sur” na caseta de Badaxoz.
Por outra banda, a delegación provincial acompañará os concellos nas súas presentacións de destino e estará nas accións de promoción de proxectos coma “Camiños do sur”, no expositor de Badaxoz.
Así mesmo, a Deputación participará no foro New Trends On Tourism Communication, de reflexión sobre o audiovisual turístico e de divulgación das mellores prácticas audiovisuais e dixitais de comunicación do turismo. Terá lugar tamén o xoves 20 de maio e versará sobre as e os influencers na promoción dos destinos. Neste foro emitirase o vídeo oficial da campaña de 2020 “Sigue o teu instinto” como caso de éxito polo protagonismo dunha actriz (Celia Freixeiro) na promoción dun destino turístico. Sigue o teu instinto ten xa un galardón internacional na sección de ecoturismo do festival The Golden City Gate de Berlín e acaba de conseguir outros dous premios.
Campaña con historias reais
“É o teu momento” é a segunda fase da campaña lanzada en febreiro pola Deputación. A primeira etapa, co slogan “#momentosRíasBaixas” e actualmente en marcha, céntrase en historias reais e nos recordos das persoas que xa visitaron a provincia de Pontevedra. Así, convídase a subir ás redes sociais fotografías e vídeos con comentarios de momentos especiais vividos neste destino turístico. Para iso, a Deputación, a través de Turismo Rías Baixas, puxo en marcha concursos con premios de lotes experienciais (bonos e escapadas con aloxamento e actividades turísticas). Neste momento supéranse as 10.000 imaxes e vídeos presentados.
Dese xeito, nun contexto no que non era aínda o momento de viaxar, a Deputación centrouse na marca, o que propiciou que as viaxeiras e viaxeiros teñan en conta o destino Rías Baixas - Pontevedra Provincia á hora de planificar os seus próximos desprazamentos, e prepárase para o seu regreso. Nestes momentos está en marcha o terceiro concurso "#momentosRíasBaixas".