Fame de experiencias acada o seu 14º premio internacional no Japan World's Tourism Film Festival de Kioto
Xa son catorce os galardóns internacionais que acumular o audiovisual Fame de experiencias, co que a Deputación de Pontevedra promoveu o destino turístico da provincia en 2019, tras acadar un novo no Japan World's Tourism Film Festival celebrado en Kioto. "Se xa era un orgullo ser un dos 68 vídeos finalistas entre os 1.327 participantes, conseguir o premio e ternos situado con destinos coma Australia, Grecia, Tailandia, Balí ou O Xapón é unha noticia excepcional", destacou a presidenta, Carmela Silva.
O Premio do Japan World's Tourism Film Festival é o primeiro que acada Fame de experiencias neste 2021, tras recoller outros trece durante 2020 en festivais de Nova York, Turquía, Bulgaria, Letonia, Berlín, Los Ángeles, Serbia, Grecia, Portugal ou Croacia e culminar o ano en Viena co "Óscar" á mellor película do mundo nos World´s Best Tourism Film Awards. O acto de entrega do premio tivo lugar de maneira telemática desde Kioto, por mor da situación sanitaria, e concentrou os 68 destinos seleccionados entre os 1.327 vídeos de promoción de todo o mundo presentados á convocatoria. O audiovisual da Deputación acadou o segundo premio na modalidade de Turismo Gastronómico e, xunto con Conil de la Frontera e Madrid, foi un dos tres únicos destinos españoles que acadaron galardóns no festival xaponés.
A Deputación de Pontevedra, a través de Fame de experiencias, producido por Esmerarte, réndelles homenaxe ás produtoras e produtores da provincia, a todas as persoas que coidan e subministran a materia prima de excelencia que está na base da recoñecida gastronomía das Rías Baixas.