Baño de cor

Vigo é xa un museo ao aire libre grazas á explosión de cor que desde fai cinco anos rexuvenece ducias de medianeiras e de edificios públicos. Artistas consagrados e novos talentos encabezan esta revolución artística

 

Cor, talento, modernidade e risco. Vigo converteuse en tempo récord nunha das mecas europeas da arte urbana. O programa “Vigo, cidade de Cor” logrou a participación de artistas internacionais que situaron a urbe olívica no mapa europeo do street art seguindo o ronsel de cidades coma Bristol, Glasgow, Belfast, Marsella ou Lisboa.

Imposible describir con palabras a impresión que producen estes xigantescos lenzos. O mellor é optar por calzado cómodo e percorrer as 80 localizacións desta galería ao aire libre.

non perdas de ver ...

  • Mural de Louis Lambert na rúa Urzáiz 62
  • Mural Lula Goce na rúa San Gregorio 20
  • Praza de Nelson Villalobos na Avda./ Martínez Garrido
  • Mural de Liqen na rúa Hispanidade 66
 

A liberdade das creacións e a súa variedade de estilos fan deste festival artístico unha proposta enriquecedora na que conviven en perfecta sintonía obras cheas de cor como a de Louis Lambert en Urzáiz, os universos abstractos de Pelucas, Liqen ou Peri, ou o cegador trazo da baionesa Lula Goce con artistas consagrados coma Darío Basso,Mingos Teixeira, Nelson Villalobos,Antón Pulido, Berta Cáccamo ou Xavier Magalhaes.

 

VARIEDADE DE TÉCNICAS

As técnicas máis vangardistas de Popay mestúranse coas formas ilustradas de Nano4814, as máis estruturadas de Antony e Belin e o cóctel de pintura e poesía do Proxecto Ewa.

Talentos en auxe

Vigo logrou reunir a un elenco inmellorable de artistas entre os que destacan dous nomes propios. A primeira é a muralista galega Lula Goce, un referente a nivel estatal que o mes de outubro de 2018 conseguiu deixar o seu sinal nunha fachada do Bronx. Outro dos autores máis demandados para crear esta galería de arte urbana é o ourensán Mon Devane, que pintou unhas tradicionais cuncas no barrio de Coia e ven de converter en viral o seu retrato do actor Antonio Durán Morris na Travesía de Vigo 130 grazas ao éxito que tivo a serie “Fariña”, emitida nunha cadea de televisión estatal.

 

O artista vasco Luís Olaso foi o primeiro en reproducir “Fiestra”, de Urbano Lugrís, en Príncipe. Pero desde aquela os sprays de pintura estendéronse por Fátima, O Calvario, Teis, Alcabre e renovaron pavillóns municipais, sedes de asociacións e levaron a arte a uns vinte colexios.

Vigo, cidade de cor” situou a urbe olívica no mapa europeo do street art seguindo o ronsel de Glasgow ou Marsella

Moi pronto se superará o centenar de fachadas ilustradas con grandes frescos artísticos, o que permitirá unha nova ampliación das rutas.

Consulta a web oficial: http://ciudaddecolor.vigo.org/gl/sitio/