Pola beira do Miño

A desembocadura do maior río de Galicia é o inicio dunha travesía de auga doce polo sur da provincia de Pontevedra onde arqueoloxía, patrimonio e paisaxe combinan á perfección

O primeiro alto do camiño na túa ruta pola ribeira do Miño, no sur das Rías Baixas, é a vila mariñeira da Guarda. A súa montaña máxica, Santa Trega, o castro máis emblemático de Galicia, ofrece unha espectacular vista sobre a desembocadura do río, a costa da veciña Portugal e o Océano Atlántico.

A singular arquitectura das casas, o porto, o paseo marítimo ou o Museo do Mar evidencian o carácter mariñeiro desta fermosa vila fronteiriza, que marca tamén a orixe do Camiño Portugués da Costa nas Rías Baixas.

non deixes de ver...

  • Monte de Santa Trega (A Guarda)
  • Molinos de O Folón y O Picón (O Rosal)
  • Fortaleza de Salvaterra de Miño
  • Pesqueiras de Arbo
 

Tras o paso pola Guarda chegarás ao Rosal, un paraíso para enoturistas e sendeiristas. Aquí é imprescindible percorrer a ruta dos muíños do Folón e O Picón, declarados Ben de Interese Cultural; e visitar as súas adegas para descubrirmos os fantásticos viños da Denominación de Orixe Rías Baixas.

Tomiño, seguinte parada, conserva a pegada de históricos enfrontamentos bélicos fronteirizos na magnífica Fortaleza de Goián e a torre de Tebra. Os petróglifos do monte Tetón son outra mostra de patrimonio de gran valor. Máis adiante atoparás a entrada a Galicia do Camiño Portugués tradicional, a histórica cidade de Tui. De grande importancia son a catedral de Santa María e o magnífico centro monumental. A vista sobre o Miño desde o monte Aloia, declarado Parque Natural, é marabillosa.

O tesouro da Guarda

O monte de Santa Trega integra valores arqueolóxicos, paisaxísticos e relixiosos. O seu antigo poboado, que se remonta ao século IV a. C., está considerado un dos máximos expoñentes da cultura castrexa de todo o noroeste peninsular. Na cima do monte, tras un paseo entre as súas vivendas circulares, é recomendable unha visita ao Museo Arqueolóxico de Santa Trega (MASAT) e á súa ermida, de gran riqueza patrimonial. Desde aquí, as vistas son excepcionais.

En Salvaterra de Miño a fortaleza protexe a igrexa de San Lourenzo, a capela da Virxe da Oliva e as covas de Dona Urraca. Desde alí, a senda chega ata a ponte medieval da Fillaboa. En Monte Castelo, inmersa nunha roca, eríxese a ermida da Asunción.

A lamprea, vampiro no río e manxar na mesa, péscase no Miño desde a época romana, a través de pesqueiras

Damos un novo paso á fronte no noso formidable itinerario pola beira norte do maior río de Galicia e entramos de cheo nas Neves, sexta escala no camiño e municipio no que gozaremos con fermosos lugares como a ruta dos pescadores, que arrinca na praia fluvial de Santa Mariña.

A igrexa de Santa Marta de Ribarteme é moi popular pola súa procesión dos cadaleitos, na que portan a persoas vivas dentro das caixas fúnebres como mostra de fe e o agradecemento tras encomendarse á Virxe para curaren os seus problemas de saúde.

CENTRO ARABO

A lamprea e o viño convertéronse en acenos de identidade de Arbo, sétima parada da ruta. O centro de interpretación Arabo e a senda das pesqueiras do río, construcións realizadas para capturar a lamprea, convidan a descubrir a súa cultura.

Fortes como a torre de Fornelos, o pazo da Fraga ou a ermida da Virxe do Camiño; e belas paraxes desde o alto de Guillade, en Crecente, completan a viaxe.