Sidra, unha tradición ancestral

Na Estrada cultívanse medio centenar de variedades autóctonas de mazá. Con esta valiosa materia prima a comarca reactivou unha industria que se remonta á Idade de Ferro. Agasalla o teu padal coa sidra lixeira e aromática de Rías Baixas.

Rabiosa, raída, marafouza, freixerana ou pementa son algunhas das variedades autóctonas de mazá coas que se elabora a sidra da Estrada. A antiga industria local rexurdiu con forza nesta comarca do norte da provincia de Pontevedra. Xa son máis de cen as hectáreas destinadas á plantación de árbores para a elaboración deste auténtico ouro líquido tras un intenso labor das produtoras e produtores locais para revitalizar esta actividade tradicional entre os verdes vales e sedosas ribeiras dos ríos Ulla, Umia e Liñares.

non perdas de ver...

  • Ribeiras do Ulla, Umia e Liñares
  • Feira da Sidra
  • Pazo de Oca
  • Brañas de Xestoso

A floración chega entre abril e maio, coincidindo coa saída ao mercado da última colleita. Os espléndidos campos de Tabeirós-Terra de Montes son unha invitación para percorrer o interior da provincia de Pontevedra con todos os sentidos alerta.

Aromática, lixeira, suave en acidez e con corpo; a sidra da Estrada conserva a esencia do pasado, a súa nobreza e autenticidade

A chegada da primavera é o mellor momento para empaparse dos aromas do medio centenar de variedades doces, acedas e amargas desta froita e mergullarse nunha tradición milenaria. O sabor da sidra é lixeiro, aromático e suave en acidez, con corpo. Un luxo para o padal que pode acompañarse dos deliciosos produtos da gastronomía local.

A mazá da Estrada conta co selo de calidade da agricultura ecolóxica e ademais conserva a esencia do pasado, a súa nobreza e autenticidade. Para comprobalo a mellor ocasión é a Feira da Sidra , evento que naceu en 2012 para premiar a quen recuperou esta tradición ancestral con fondas raíces na provincia de Pontevedra.

A visita á comarca complétase cunha viaxe no tempo a través do “versalles galego”, os xardíns do espectacular pazo de Oca , ou cun percorrido polas fervenzas do río Curantes, as Brañas de Xestoso e a Lagoa Sacra de Olives . A comarca de Tabeirós-Terra de Montes alberga impresionantes paraxes naturais para desconectar e degustar produtos de primeira calidade.

Lagares con historia

A fabricación entrou en declive hai máis de cen anos, pero en moitas casas da comarca de Tabeirós-Terra de Montes aínda se conservan antigos lagares para prensar a mazá, e xa a finais do século pasado emprendeuse un proceso de recuperación de plantacións. Son auténticas xoias etnográficas, testemuñas mudas do traballo de outrora con máis de 100 anos de antigüidade. Hoxe pódense visitar as instalacións de Lagar de Ribela e de Sidrería Peroja.

 
  •  
    Sidrería Camino
  •  
    Maceiras en flor
  •  
    Sidrería Peroja
  •  
    Ruta das Maceiras
  •  
    Ruta das Maceiras
  •  
    Plantación das Maceiras