Surf no paraíso

Un territorio ideal para surfeiras e surfeiros. Nas Rías Baixas atoparedes ondas de todos os niveis en espectaculares lugares coma A Lanzada, Patos ou o sur da provincia. Vivide a aventura na vosa táboa!

Es un as do surf? Sedúcete cabalgar as ondas e esperas a ocasión perfecta para subir por primeira vez á táboa? Sexa como sexa as praias das Rías Baixas ofrécenche todas as opcións para pasar divertidas horas na auga.

A calma do mar no verán é ideal para aprender nunha das escolas da provincia de Pontevedra, con monitoras e monitores que te guiarán nos teus inicios. Noutras estacións, surfeiras e surfeiros con experiencia realizan acrobacias na auga con auténtica destreza. A falta de escamas, o neopreno faise imprescindible para adentrarse no mar e gozar das mellores ondas.

para non perder ...

  • A praia da Lanzada
  • A praia de Montalvo
  • A praia de Patos
  • Santa María de Oia
Surf

A maxia da Lanzada

No istmo da Lanzada as e os surfeiros dispoñen de tres zonas con características diferentes. Os extremos, A Lanzada e Cantalapiedra, son ideais para a iniciación e mesmo para perfeccionar a técnica. Aeroporto, no medio, é máis adecuada para deportistas con experiencia en dominar as ondas. O areal atópase nun contorno máxico, cargado de lendas, cun dos castros máis importantes de Galicia, unha encantadora ermida e fabulosas vistas á Illa de Ons.

Na costa norte, entre Sanxenxo e O Grove, atoparás a impresionante praia da Lanzada, unha das máis famosas de Galicia, en mar aberto e con ondas moi apreciadas polas e polos surfeiros e amantes dos deportes náuticos en xeral. Os seus 2,5 quilómetros de areal ofrecen alternativas para todos os niveis.

Patos é un dos lugares ideais na ría de Vigo; e a costa de Oia atrae as e os deportistas máis experimentados

En Sanxenxo atópanse as praias de Foxos, de nivel medio, e a de Fontenla, cunha onda XXL que rompe con grandes temporais, máis adecuada para surfeiras e surfeiros de nivel avanzado. Cara ao sur, Montalvo, unha das mellores praias para facer surf en Galicia, ofrece unha onda potente que rompe con mar de fondo. Tamén no mesmo municipio a praia de Canelas é apta para todos os niveis; e a dos Mortos, nas Areas, para as e os expertos.

Xa na ría de Vigo, unha das mellores praias para facer surf en todos os niveis é a de Patos, en Nigrán. Xunto á de Prado, a calidade das ondas de ambas as dúas é magnífica para a iniciación. A dereita, onde se forma A Cala, con condicións óptimas, rompe unha onda curta e contundente. Nesta zona, o pico de Patos, con ondas de dereita, regala a mellor onda da ría. Outro dos clásicos, con ondas de esquerda de gran calidade, é o pico de Monteferro.

A costa meridional da provincia é un dos territorios ideais para practicar surf, unha zona recomendada só para xente experta. Ao sur da enseada do mosteiro de Santa María de Oia atopamos un enclave de dificultade alta, con vento sur, ondas rápidas e costa rochosa. Nesta zona, as ondasde San Francisco, Cantos e F3, ou a Salvaxe, son todo un reto.