Alza o voo nas Rías Baixas
Arrinca a segunda edición de “Voando nas Rías Baixas”, un programa de cinco rutas ornitolóxicas de carácter gratuíto que terá lugar en espazos naturais protexidos da provincia de Pontevedra entre o 20 de xaneiro e o 16 de xuño. O esteiro do río Miño e A Foz da Ramallosa, a enseada de San Simón, o Complexo Intermareal Umia-O Grove, as brañas de Xestoso e a serra do Suído serán os escenarios onde as e os asistentes poderán contemplar as aves guiados por persoas expertas na materia.
Para participar nas diferentes rutas será necesario cubrir un formulario de inscrición a través da web da Deputación de Pontevedra. Durante o seu desenvolvemento, as persoas participantes recibirán indicacións de monitoras e monitores ornitolóxicos, así como o material necesario e unha guía ornitolóxica didáctica. Tamén se habilitará un servizo gratuíto de autobuses para aquelas persoas que así o desexen.
Ademais de concienciar sobre a importancia da preservación destas reservas naturais, esta actividade promovida pola Deputación en colaboración coa Asociación Española de Ornitoloxía SEO/Birdlife pretende encamiñar a este destino cara á desestacionalización, un dos grandes obxectivos do Plan estratéxico de Turismo Rías Baixas 2017-2020, dando a coñecer a potencialidade destes lugares, ademais do seu atractivo turístico.
Ruta 1: Esteiro do río Miño e A Foz da Ramallosa
- Data: 20 de xaneiro
- Inscrición: 9 ao 15 de xaneiro
A primeira ruta trasladaranos ata o sur da provincia de Pontevedra o día 20 de xaneiro, concretamente ao esteiro do río Miño e A Foz da Ramallosa, ambas as zonas protexidas pola Rede Natura 2000 e cunha gran variedade de aves palustres.
O esteiro do Miño linda con Portugal na desembocadura do maior río de Galicia no municipio da Guarda. Trátase dun espazo de 3.000 hectáreas, declarado Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) e que constitúe un hábitat ideal para aves migratorias e limícolas, como mazaricos, biluricos, pilros ou avefrías. Alí tamén se poden avistar outras como patos, garzas, mergullóns; aves mariñas como pentumeiros; ou rapaces, coma as gatafornelas ou a aguia pescadora. Durante a época invernal as marismas acollen ata 3.500 exemplares.
O esteiro da Foz, situado na desembocadura dos ríos Miñor, Groba e Belesar, é un espazo natural compartido polos municipios de Nigrán, Gondomar e Baiona. Pola súa calidade ambiental e paisaxística, ademais de ser o refuxio dunha gran variedade de aves acuáticas -en especial limícolas, anátidos e ardeidos-, forma parte da Rede Natura 2000.
Ruta 2: Enseada de San Simón
- Data: 10 de febreiro
- Inscrición: do 28 de xaneiro ao 5 de febreiro
O escenario elixido para o segundo itinerario, que terá lugar o 10 de febreiro, é a enseada de San Simón, situada ao fondo da ría de Vigo, na desembocadura do río Verdugo, un emprazamento ideal para a contemplación de aves durante o inverno. Alí podemos atopar a illa de San Simón, que forma parte do arquipélago do mesmo nome e está integrada na Rede Natura 2000.
A pesar da súa pequena superficie, de pouco máis de 2.000 hectáreas, representa un espazo intermareal de gran valor ecolóxico. As chairas de area que quedan ao descuberto cando baixa a marea descobren unha paisaxe cuberta co verde manto das algas. Durante a estación fría, miles de anátidos, así como outras limícolas, sobrevoan a reserva durante a migración.
Ruta 3: Complexo Intermareal Umia-O Grove
- Data: 3 de marzo
- Inscrición: do 18 ao 26 de febreiro
A terceira ruta ornitolóxica achegaranos o 3 de marzo ata o Complexo Intermareal Umia-O Grove, situado entre a península do Grove, o istmo da Lanzada e a desembocadura do río Umia ata Cambados. Protexido tamén pola Rede Natura 2000, está catalogado como Zona de Especial Conservación (ZEC) e Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA), ademais de formar parte da lista de zonas húmidas de importancia internacional, segundo o Convenio Ramsar.
Nesta reserva, considerada como a máis grande de España, son importantes as aves limícolas, como gabitas, virapedras, pilros, píldoras douradas, ou biluricos; ademais doutras como patos, garzas, garzotas, carranes, mobellas ou corvos, que chegan ao complexo desde o norte de Europa.
Ruta 4: Brañas de Xestoso
- Data: 19 de maio
- Inscrición: do 6 ao 14 de maio
Neste itinerario penetrarémonos no corazón da provincia de Pontevedra xa na tempada de primavera, época ideal para a observación de aves neste lugar. As brañas de Xestoso forman parte da Rede Natura 2000 e foron declaradas Zona Especial de Conservación (ZEC). Este espazo natural ocupa os municipios da Estrada, Silleda e Forcarei, na serra do Candán. Trátase dunha zona húmida formada por prados, matogueiras e turbeiras, situado na súa maior parte xunto á lagoa Sacra de Olives.
Esta reserva natural acolle a especies como escribentas amarelas e riscadas, lavercas, tordos galegos, tordos charlos, trigueiróns; aves rapaces coma a gatafornela, a tartaraña cincenta, a aguia cobreira ou o miñato abelleiro, ademais dalgunhas aves migratorias procedentes do continente africano. Tamén se poden ver o moucho real e a aguia real, en perigo de extinción.
Ruta 5: Serra do Suído
- Data: 16 de xuño
- Inscrición: do 3 ao 11 de xuño
Este sistema montañoso esténdese pola Lama, Fornelos de Montes e Covelo. Nesta paraxe natural, no que nace o río Tea, podemos atopar desde un dos mellores bosques autóctonos da fachada atlántica galega ata espectaculares fervenzas. Alí contemplaremos distintas especies de aves, como voitres, aguias calzadas, miñatos abelleiros, aguias cobreiras ou aguias rateiras.