A Deputación de Pontevedra aposta por un "modelo turístico intelixente, dixital e sostible” e ultima unha batería de iniciativas para modernizar e apoiar o sector
A Deputación de Pontevedra apoia o sector turístico en tempos de crise. Ten en licitación o proxecto Tourist Inside para transformar o turismo da provincia de Pontevedra por medio das TIC e da dixitalización, está a realizar unha forte aposta polos castelos de Sobroso e Soutomaior e porá en marcha, a finais desde mes de xaneiro, as mesas de traballo con persoal especialista para avanzar no Plan estratéxico de turismo 2021-2023.
"Temos unha nova moi importante no campo do turismo", destacou Carmela Silva ao informar da recente licitación do programa Tourist Inside que, cun orzamento de 1,5 millóns de euros (900.000 € financiados por red.es a través do Fondo Social Europeo e 400.000 € da Deputación), vai impulsar "un modelo turístico intelixente, dixital, innovador, sostible e adaptado ás novas demandas das e dos turistas". Xunto a esta iniciativa, para a que as empresas poden presentar ofertas ata o 10 de marzo, o Goberno provincial está tamén avanzando no Plan estratéxico de turismo, con mesas temáticas que terán lugar a vindeira semana, e revalidando a súa aposta pola calidade con xornadas de sensibilización sobre o SICTED (Sistema Integral de Calidade Turística Española en Destinos) que terán lugar a comezos de febreiro. Súmanse, ademais, novas experiencias á oferta do castelo de Soutomaior para seguir consolidando o espazo "como foco de atracción turística".
Con Tourist Inside "vaise transformar o turismo na provincia mediante o emprego das TIC e as ferramentas da dixitalización, impulsando o avance dixital da xestión e dando un salto de calidade adaptándose ás necesidades das persoas viaxeiras e dos axentes turísticos". Vanse modernizar as oficinas da rede Info Rías Baixas, con mesas interactivas, welcome centers, servizos multimedia ou coa creación de puntos virtuais. Tamén se implantarán servizos con aplicacións móbiles e unha forte aposta polo márketing en liña e a optimización dos portais web, así como sinais dixitais e controis da sustentabilidade ambiental. Ademais, Tourist Inside porá a disposición do sector ferramentas tecnolóxicas coma o servizo de escoita activa, plataformas open data, cadros de mando integrais e unha plataforma de interoperabilidade para manter viva a información e optimizar a promoción dos produtos turísticos. Finalmente, o proxecto contempla a posta en marcha dun proxecto piloto de "praia intelixente", con ferramentas dixitais para xestionar a auga, o tráfico, o lixo ou as capacidades.
Plan Estratéxico e calidade no servizo
A Deputación está tamén a avanzar no novo Plan estratéxico de turismo coa organización das mesas temáticas telemáticas previstas entre o 27 e 29 de xaneiro. Nestas mesas, que serán un total de doce, participarán personalidades relevantes en cada unha das temáticas e afondarase nas estratexias de xeración de contidos turísticos, na innovación aplicada á promoción turística, nas estratexias de comercialización e de interacción coas e cos turistas en destino, na xestión do dato turístico, na dixitalización das pemes turísticas, na accesibilidade universal, na sustentabilidade e economía circular, na mobilidade turística nos destinos, na gobernanza turística público-privada, na Axenda 2030 e nos protocolos sanitarios e na mellora da percepción da seguridade sanitaria.
A presidenta tamén informou das xornadas de sensibilización para fomentar a incorporación de novas empresas ao Plan de calidade de turismo Rías Baixas, encamiñado á obtención do distintivo do SICTED. Estas xornadas, o 3 e o 10 de febreiro, afondarán sobre o sistema de calidade, os beneficios de sumarse á iniciativa, a metodoloxía que se debe seguir, os compromisos que se deben cumprir, así como a formación que se vai impartir para conseguir este distintivo de calidade. "Temos xa a máis de 300 empresas para revalidar e acadar o distintivo do SICTED, o que nos converte nun destino de excelencia e referente en canto a calidade turística: somos a provincia de toda Galicia con máis distintivos e, a pesar das dificultades de 2020, pechamos o ano con 303 entidades distinguidas ás que desde Turismo Rías Baixas asesoramos, formamos e avaliamos".
Novidades no castelo de Soutomaior
Carmela Silva tamén detallou o "forte pulo" que se lle vai dar neste primeiro trimestre de ano ao castelo de Soutomaior, "que contribuirá a seguir consolidando este espazo como foco de atracción turística". A presidenta explicou que se van impulsar novas iniciativas relacionadas coa camelia, "a raíña de inverno nas Rías Baixas", para enriquecer a visita ao Xardín de Excelencia Internacional que tamén ten o Selo Observer®. En concreto, vanse lanzar "experiencias sensoriais" a carón da camelia que irán da man dunha nova plantación de ata 20 exemplares de camelia de té, que permitirá organizar visitas guiadas, guías divulgativas para escolares e actividades para valorizar a futura colleita deste produto. Ademais, seguindo coa liña iniciada en marzo de 2020 coa posta en marcha do xardín de camelias con nome de muller –que conta xa cos exemplares `María Vinyals´, `Bella Otero´, `Rosalía de Castro´ e `Jane Andersen´–, plantaranse dúas novas especies: a camelia `Sofía Novoa´, de cor rosa medio, e a camelia `Juana de Vega´, branca e rosada. Silva tamén adiantou que neste ano no que se cumpre o centenario do pasamento de Emilia Pardo Bazán estase tamén iniciando o proceso para ter "unha flor de camelia co nome desta insigne muller", que formará tamén parte do xardín.
Xunto a estas iniciativas estase tamén a traballar na conservación do castelo con obras que superan os 100.000 € centradas na cuberta e na fachada (rematarán a mediados de febreiro), na instalación de tubaxes e na reconstrución dun tramo do muro de acceso.