Arrinca a tempada micolóxica nas Rías Baixas
A procura de cogomelos silvestres é unha afección relativamente recente nas Rías Baixas que está a experimentar un auxe nos últimos anos, debido, en boa parte, ao esforzo de divulgación de colectivos de afeccionadas e afeccionados. A chegada do outono marca o arranque da tempada e, á espera das choivas, algunhas asociacións deron a coñecer xa as súas actividades.
Un dos primeiros colectivos en presentar a súa programación para este outono foi A Estrada Micolóxica, que ten previstos un ciclo de charlas de divulgación baixo o título "Venres micolóxicos", unha exposición de cogomelos en vivo, concursos de debuxo e fotografía e saídas ao monte. As actividades arrincarán o 3 de outubro e prolongaranse ata a primeira semana de decembro.
As asociacións organizan saídas ao monte para iniciarse na micoloxía
Pola súa banda, a agrupación Cantarela de Vilagarcía de Arousa organiza cada ano durante os meses de outubro e novembro o "Outono micolóxico", con numerosas actividades relacionadas co mundo dos cogomelos. Na edición 2017 repetiranse as conferencias, as saídas ao monte e as exposicións. Destaca a "Festa dos cogomelos ", que chegará o 19 de novembro á súa 25 edición, cunha degustación de cogomelos e viño Albariño, ademais do tradicional concurso de cociña, que premiará as mellores receitas.
Ademais, tamén organiza actividades cada ano o colectivo BrincaBois de Pontevedra, que se acha ultimando o calendario de actividades.
Municipios e outros colectivos
Ás iniciativas das agrupacións especializadas en micoloxía, súmanse eventos organizados polos municipios e asociacións diversas. Así, o Concello Mos organiza entre o 16 e o 22 de outubro as XIV Xornadas Micolóxicas e Forestais, en colaboración cos hostaleiros. Incluirá charlas, andainas, degustacións e actividades de divulgación nos colexios. Un mes máis tarde, en Bueu desenvolveranse as Xornadas Micolóxicas, que este ano chegan a súa 20 edición, organizadas polo concello en colaboración co colectivo Liboreiro. Está previsto que se celebren do 20 ao 25 de novembro.
Por outra banda, a asociación ecoloxista Adenco promove desde hai 27 anos as Xeiras Micolóxicas do Condado, que este ano terán lugar os días 28 e 29 de outubro en Mondariz Balneario.
A maioría das programacións contemplan charlas de iniciación, actividades de recolección e obradoiros para aprender a identificar as principais especies comestibles que crecen nos montes das Rías Baixas.