Arriban a Sanxenxo e Vigo os museos flotantes Nao Victoria e El Galeón
Despois de percorrer máis de 20 cidades europeas, a Nao Victoria está de xira por augas españolas e, tras visitar Getxo e Tazones, fai escala estes días en Sanxenxo para difundir a súa historia entre o público local. A embarcación é unha réplica do navío que no século XVI realizou unha das maiores fazañas marítimas de todos os tempos, a primeira volta ao mundo. A expedición estivo capitaneada por Fernando de Magallanes e Juan Sebastián Elcano e contou entre a súa tripulación cunha destacada participación galega.
As e os visitantes de Sanxenxo poderán coñecer esta obra mestra da carpintería de ribeira por fóra e por dentro, a súa historia, os seus detalles e as condicións de vida dos mariños da época. Ademais tamén poderán escoitar as vivencias da tripulación que hoxe día segue navegando a bordo deste excepcional navío. A embarcación está aberta ao público entre os días 27 de setembro e o 1 de outubro, no Porto Deportivo Juan Carlos I de Sanxenxo.
Tamén ata o 1 de outubro atópase atracado no Peirao de Transatlánticos de Vigo o Galeón Andalucía, que arribou a augas galegas o pasado 22 de setembro tras unha longa estancia en Estados Unidos. Trátase doutro museo flotante para visitar, que recrea os históricos galeóns españois do século XVII. A visita ao galeón consiste en un percorrido a pé con audioguía; unha vez a bordo, o público é libre para pasear polas 5 cubertas, falar cos actuais membros da tripulación e contemplar proxeccións e documentos históricos.
As dúas embarcacións pertencen á Fundación Nao Victoria, unha entidade sen ánimo de lucro que xestiona réplicas de navíos de época co obxectivo de divulgar as fazañas da navegación española. En ambos os casos, a entrada de adultos custa 6 euros, e a de nenas e nenos, 3 euros.