Barranquismo para toda a familia
O barranquismo ou descenso de canóns é un deporte de aventura que pode practicarse en familia, sempre que se elixa a zona adecuada ao perfil do grupo. Nas Rías Baixas hai varias empresas que organizan rutas con guías especializados e que facilitan a práctica desta actividade que mestura diversión, adrenalina e o descubrimento de paisaxes naturais pouco coñecidos.
Un dos principais lugares para a práctica do barranquismo na provincia de Pontevedra está en Ponte Caldelas, no canón do río Verdugo. Está considerado un dos barrancos máis completos de Galicia, con tres quilómetros de percorrido que inclúen tres fervenzas, rápidos e pozas de auga cristalina. A ruta comeza no lugar da Roca e continúa, río abaixo, ata a presa dunha central hidroeléctrica. O percorrido pode durar máis de tres horas e implica o despregamento de diferentes habilidades, progresión a nado, rapel, saltos e descenso por tobogáns naturais. Aínda que ten algúns tramos con dificultades, existen alternativas para que ninguén quede atrás. O nivel de dificultade é medio-baixo.
Máis ao sur da provincia atopámonos con outro popular barranco para a práctica de actividades de aventura, o Canón de Luneda , na Cañiza. A ruta segue a canle dun afluente do río Deva e permite coñecer varias fervenzas, nunha contorna de gran beleza. Conta con rápelles, saltos, rápidos e un bonito tobogán, adecuados para iniciarse na práctica do barranquismo. A duración media é de dúas a tres horas.
E seguimos descendendo cara ao sur para descubrir o barranco de Rego da Cal, no concello do Rosal. Esta ruta iníciase preto dos muíños do Folón e do Picón e discorre por un afluente do río Tamuxe. Está considerada unha actividade de nivel medio, que inclúe varios rápelles sinxelos, algúns saltos e tobogáns naturais, ao longo de 2 quilómetros. A frondosidade do bosque e as pozas de auga cristalina farán gozar a todas as persoas amantes da natureza.
Finalmente, tamén se pode practicar barranquismo con guías no río Almofrei, en Cotobade, e no río Cadavosa, en Cerdedo. En ambos os casos trátase de rutas familiares, que se poden facer con nenos e nenas a partir de 10 anos.