Broche en Silleda á serie "O final do Camiño"
As aventuras dos irmáns Catoira, protagonistas de O final do Camiño, chegaron ao seu termo tras oito capítulos, e o elenco de actrices e actores, a produtora e a Deputación de Pontevedra, que patrocinou a serie de ficción, celebrarán mañá o éxito en Silleda, un dos concellos das Rías Baixas que foi escenario da rodaxe.
O acto, que arranca ás oito da tarde no hotel Vía Argentum, renderalles homenaxe a máis dun centenar de veciñas e veciños que participaron na gravación como figurantes. A serie foi gravada en distintas localizacións das Rías Baixas. Ao longo dos oito capítulos, de 70 minutos cada un, millóns de espectadores viron, a través de TVG e TVE –cadeas nas que se emitiu O final do Camiño en horario de máxima audiencia, de forma simultánea, en galego e castelán respectivamente–, paisaxes de Silleda, Lalín, as brañas de Xestoso, Forcarei, Vila de Cruces, os mosteiros de Carboeiro e Aciveiro, a praia fluvial de Cira, o pazo de Outeiro en Vilatuxe, a fervenza de Escuadro, as canteiras de Rosende e Vila de Cruces, Campomarzo, Ansemil, a carballeira de Barcia e o castro da Estrada. Ademais, un gran decorado no recinto da Feira Internacional de Galicia en Silleda recreaba a Compostela medieval.
A serie xira ao redor das vivencias de tres irmáns na Idade Media, coa construción da catedral de Santiago como pano de fondo, nunha época convulsa, con loitas fratricidas entre reis cristiáns que, ao tempo, batallaban contra a invasión almorábide.
Entre o elenco de actores destacan os nomes de Antonio Velázquez, Javier Rey, Maxi Iglesias, Begoña Maestre, Guillermo Barrientos, Cristina Castaño, Asier Etxeandía, Ismael Martínez, Juan Fernández, Xavier Deive, Tito Asorey, Joan Massotkleiner, Manuel de Blas, Antonio Durán Morris, Jaime Olías, Patricia Peñalver e Paco Manzanedo, entre outras actrices e actores.