Bueu promove o sendeirismo pola provincia con rutas en Cortegada , A Illa de Arousa , Vigo e Campo Lameiro
O sendeirismo é unha alternativa turística de lecer en auxe nas Rías Baixas que está a ser potenciada polos concellos con rutas polos seus espazos de maior valor natural. Bueu tamén as promove noutros lugares da provincia de Pontevedra e entre o 13 de maio e o 10 de xuño organiza tres itinerarios: pola Illa de Arousa e a illa de Cortegada –que pertence ao Parque Nacional das Illas Atlánticas–; polo río Eifonso en Bembrive (Vigo); polo Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre (PAAR) e polo río Maneses en Campo Lameiro.
O límite de participantes para cada excursión é de 50 persoas e hoxe abriuse o prazo para a primeira, de cinco quilómetros pola contorna do río Eifonso. A saída está prevista para o 13 de maio e o prezo é de cinco euros, o mesmo que o fixado para a segunda ruta, que ten como destinos o PAAR de Campo Lameiro e o río Maneses. A data deste itinerario, con 3,5 quilómetros de distancia para percorrer, está marcada para o 27 de maio e o prazo de inscrición abre o día 15.
Cada excursión ten un límite de 50 prazas e os prezos oscilan entre os cinco e os seis euros
Finalmente, o 10 de xuño terá lugar a excursión á Illa de Arousa, Carril e Cortegada. A lonxitude da ruta é de oito quilómetros e a inscrición comeza o día 29 de maio. O prezo neste caso é de seis euros.
O obxectivo do Concello de Bueu é fomentar hábitos saudables e dar a coñecer a provincia.
Máis información en www.concellodebueu.org