"Cans todo o ano" leva o cinema alternativo ao Porriño
"Cans todo o ano" ten por obxectivo dar visibilidade a películas que contaron con poucas oportunidades de exhibición e desenvolver, ao mesmo tempo, unha programación estable de cinema no Porriño máis aló do Festival de Cans, cuxa próxima edición terá lugar en maio de 2018.
O ciclo programa unha vez ao mes, desde outubro ata marzo, a proxección dunha película, que se completa cun debate no que participan os propios directores e directoras das obras, para que o público teña oportunidade de charlar con eles e exporlles as súas inquietudes.
Todos os títulos elixidos están vinculados, dalgunha maneira, ao Festival de Cans. Así, na próxima sesión de cinema, que terá lugar o 12 de novembro, proxectarase o documental Mar de Fondo, unha emotiva obra dirixida por Daniel Guzmán e rodada durante a catástrofe do Prestige. O documental só foi proxectado ata o momento no último Festival de Cans.
A seguinte proxección, a última do ano, será o domingo 10 de decembro e exhibirá o filme Hoxe non é un soño, un traballo rodado por veciños e veciñas de Cans , baixo a coordinación do realizador Juanma Lodo, que narra a vida dun veciño da localidade que emigra de neno a Venezuela.
As proxeccións teñen lugar na sala Ingrávida, a un custo de 4,50 euros a entrada. Poden adquirirse na plataforma online https://www.ticketea.com/ou no propio despacho de billetes de cinema.